A xurisdición de Neda conta cun alcalde e coa xustiza ordinaria da vila de Neda e da súa xurisdición, mais a do couto de Narón, que ten alcalde de seu e xustiza ordinaria. Coñece en primeira instancia os negocios civís e criminais. Como autoridade máxima nas vilas que non eran cabeza de partido, ademais da súa función xudicial tamén exercía funcións de goberno.
Esta configuración cambia cando entra en vigor o Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820, que divide a provincia en 47 partidos e establece un xulgado de primeira instancia en cada un deles. Seguindo co proceso reestruturador, o Decreto do 5 de marzo de 1820 suprime os xulgados ordinarios ou de primeira instancia do foro ordinario e conserva unicamente os de cabeza de partido. Desde o momento en que toman posesión os xuíces dos partidos, cesan os corrixidores, alcaldes, meiriños, xuíces e aqueles que viñan administrando xustiza en primeira instancia. Na Orde da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 13 de abril, as parroquias de San Xiao de Narón, Santa María e San Nicolás de Neda quedan adscritas ao partido de Ferrol, aínda que conservan a tramitación dalgúns asuntos civís perante o seu alcalde constitucional.
Pero cando remata o Trienio Liberal, todo volve á situación anterior. Haberá que esperar ata 1834 para que desaparezan coutos e xurisdicións. Así, o Real decreto do 21 de abril dese mesmo ano ordena que cesen todos os alcaldes ordinarios e que os procesos e os expedientes que teñan abertos llelos remitan aos xuíces letrados das cabezas de partido (neste caso, ao de Ferrol).
Historia archivística
Este fondo ingresou por transferencia o 16 de novembro de 1982. Viña mesturado coa documentación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ferrol, que foi o encargado de transferir ao Arquivo do Reino de Galicia o fondo da antiga xurisdición de Ferrol.
A chegada destes documentos ao Xulgado de Ferrol explícase no expediente de execución do Decreto da Suprema Xunta de Goberno de Galicia do 3 de marzo de 1820 (5143/12). O novo decreto establecía a obriga de construír ou dedicar unha peza para arquivo na capital cabeza de partido; nesa peza debíanse gardar todos os procesos civís e criminais correspondentes ás vilas, xurisdicións e coutos indicados, ademais dos protocolos dos escribáns que falecesen no seu distrito, con formal lista duns e doutros, con expresión do seu estado e foliación (fol. 3). O decreto tamén dispuña, no seu artigo 11 (fol. 6), que unha vez que o xuíz tomase posesión do seu cargo, debía obrigar os escribáns a entregar no xulgado os procesos civís e criminais do seu partido; e os que pertencesen a outro, ao xulgado correspondente. Por iso, o 19 de abril de 1820, o notario da xurisdición de Neda, Andrés Pita Vaamonde, entrégalle ao escribán de Ferrol, Pedro López de Castro, 10 expedientes civís e criminais acompañados dunha relación; logo, o día 21, entrega os expedientes do couto de Narón. A documentación reflicte que a antiga xurisdición recupera a súa actividade cando remata o Trienio Liberal, aínda que non consta a saída da documentación de Ferrol para os seus antigos xulgados.
A seguinte transferencia en masa a este xulgado quedou recollida no “Expediente sobre a incorporación de parroquias do partido xudicial de Ferrol e razón dos asuntos civís e criminais que se van recibindo, e escribáns que os recollen ou que por ser orixinarios os reteñen no seu poder para a súa continuación” (5.207/20). Cumpríanse así as disposicións do Real decreto do 21 de abril de 1834: que cesasen todos os alcaldes ordinarios das vilas e que lles remitisen aos xuíces letrados das cabezas de partido todos os procesos e expedientes que tivesen abertos. Entre o 15 e o 17 de setembro dese mesmo ano, José Jorge de Ocampo e Vicente Arias de Saria, escribáns de Ferrol, reciben os expedientes e as causas entregados polo alcalde pedáneo da xurisdición de Neda.
Alcance e conteúdo
Este fondo documental comprende expedientes relacionados tanto coa función xudicial dos seus xulgados —como poden ser as Causas, Contas de tutela, Expedientes de demarcación e deslinde, Expedientes de partillas, Expedientes de ratificación de escrituras, Expedientes de reconto e inventario, Preitos ou visitas de escribáns— como as que reflicten a función de goberno: Expedientes de abastos, Expedientes de arrendamento de impostos, Expedientes de elección de cargos municipais, Expedientes de Sorteo de mozos, Padróns de vecindario, etc.
Clase de documento:
Textual
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
Acceso libre en xeral.
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Lengua:
Spanish; Castilian
Características físicas
Estado de conservación:
Bo
Documentación relacionada
Existencia y localización de copias
Existencia de copias: Non existen copias
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: Real Audiencia de Galicia, Audiencia Territorial de Galicia, Real Intendencia de Galicia, Xulgado da vila de Ferrol e da Graña/Xulgado de Primeira Instancia de Ferrol, Subdelegación de Rendas de Ferrol, Xulgado de Guerra e Mariña, Documentación notarial
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia