Sanatorio Marítimo Nacional de Oza (A Coruña, España). (1906 -)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1906
2.2 Historia/Descripción:
O Sanatorio Marítimo Nacional de Oza créase a través dunha real orde do 6 de agosto de 1906 como centro hospitalario cunha dobre función: por un lado, como centro especializado no tratamento da tuberculose ósea; por outro, como preventorio infantil dependente do Ministerio da Gobernación.
No ano 1940 depende do Padroado Nacional Antituberculoso. Nos anos 60 do século XX, a medida que vai diminuíndo a virulencia da tuberculose, adquire máis importancia a loita contra a invalidez e a rehabilitación.
No ano 1974 intégrase na rede de sanatorios da Administración Institucional da Sanidade Nacional (AISNA), na que permanece ata que se incorpora ao Instituto Nacional da Saúde (INSALUD) no ano 1987. Coa supresión no ano 1987 do organismo autónomo Administración Institucional da Sanidade Nacional, adscríbense ao Instituto Nacional da Saúde (INSALUD) os centros dependentes do dito organismo autónomo. Ao ano seguinte, no Real decreto 521/1987, do 15 de abril, de regulamento sobre estrutura, organización e funcionamento dos hospitais xestionados polo INSALUD, establécese que todas as institucións sanitarias pechadas da seguridade Social xestionadas polo Instituto Nacional da Saúde terán a denominación única de hospitais (ata ese momento Oza mantiña a de Sanatorio). A Resolución do 1 de marzo de 1988 da Dirección Xeral do Instituto Nacional da Saúde establece a integración funcional, estrutural e organizativa dos hospitais Juan Canalejo e Marítimo de Oza, e ademais sinala que os órganos de dirección serán comúns. A explicación é a necesidade de acadar unha actuación asistencial coordinada por medio dunha fórmula de actuación para os hospitais da mesma área que permita a complementariedade dos servizos prestados por cada un.
Por outro lado, mediante a Lei 1/1989, de 2 de xaneiro, da Presidencia da Xunta de Galicia, créase o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) coa finalidade de xestionar os servizos sanitarios de carácter público dependentes da Comunidade Autónoma e de coordinar de xeito integral todos os recursos sanitarios e asistenciais do seu territorio. O traspaso do Hospital Marítimo de Oza á Xunta de Galicia prodúcese mediante o Real decreto 1679/1990, do 25 de decembro (con efectividade a partir do 1 de xaneiro de 1991), polo que se traspasan os servizos e as funcións correspondentes aos centros e establecementos sanitarios, asistenciais e administrativos da Seguridade Social xestionados polo INSALUD na Comunidade Autónoma de Galicia. Lembremos que o dito traspaso faise como parte integrante do Complexo Hospitalario Juan Canalejo, no que se integran, ademais do Hospital Marítimo de Oza, o Hospital Xeral Juan Canalejo mais o Hospital Materno Infantil Teresa Herrera. O de Oza foi a última incorporación ao complexo hospitalario, procedente da AISNA.