O convento de Santo Agostiño ou da Nosa Señora da Cerca de Santiago de Compostela foi fundado polo arcebispo Juan Beltrán de Guevara en 1616. En 1618 os freires agostiños, que viñan do convento de Santa María Magdalena en Arzúa, instaláronse en torno á capela da Nosa Señora da Cerca, construída en 1595. Contou con doazóns do propio concello para a construción do edificio; en 1632 o conde de Altamira asumiu o seu padroado e dotouno dunha importante renda a cambio de determinados privilexios para el e a súa familia.
Ao longo de toda a Idade Moderna mantén aberto un colexio de artes con cátedras de gramática, filosofía, teoloxía e teoloxía moral para relixiosos e segrares. Tamén funciona como arquivo do convento de Caión ante as incursións inimigas nas costas de Galicia en 1634.
Durante a Guerra da Independencia as tropas francesas ocuparon o edificio e saqueárono. Coa desamortización e posterior exclaustración o edificio foi abandonado, excepto a igrexa que mantivo o culto.
Historia arquivística
Os fondos dos mosteiros e conventos desamortizados da provincia da Coruña ingresaron no ARG en virtude dunha orde ministerial do 10 de novembro de 1887, probablemente executada en 1888. Anteriormente, e desde o momento da exclaustración, a documentación permaneceu en dependencias públicas incorrectamente custodiada. Antes de 1851 estiveran en Galicia os comisionados da Academia da Historia e recolleran moitos documentos relevantes para a historia de Galicia.
Alcance e contido
O fondo comprende series documentais basicamente relacionadas coa xestión eclesiástica da comunidade, o goberno do seu señorío e a adquisición e administración do patrimonio do mosteiro. Unha parte da documentación está composta polas series procedentes dos mosteiros e conventos que incorporou a principios do século XVII.
O fondo conservado no ARG áchase moi minguado. Fundamentalmente son series documentais sobre a adquisición e administración do seu patrimonio
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Acceso libre en xeral.
Normativa:
Trátase de documentación pública de titularidade estatal, xestionada pola Xunta de Galicia. Ao seren depositados no ARG, os documentos que integran o fondo adquiren a condición de bens de interese cultural, tal e como estipulan, respectivamente, os artigos 50 da Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e o 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Así, pasan a gozar do réxime de protección que as devanditas normas establecen para estas categorías de bens culturais.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
Normativa de aplicación:
- Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia