Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago de Compostela (A Coruña, España). (1784-09-23 -)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1784-09-23
2.2 Historia/Descripción:
No século XVIII, froito da Ilustración, créanse as sociedades económicas de amigos do pais, agrupacións filantrópicas que pretenden achegar os medios precisos para desenvolver unha transformación nos campos da agricultura, gandería e industria, así como a promoción da música, a arte e a cultura en xeral.
A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, en adiante RSEAPS, creada por Real Cédula de Carlos III, do 23 de setembro de 1784, xurdiu pola iniciativa de membros do Cabido, da Universidade e da burguesía compostelá: Antonio Páramo y Somoza, cóengo da catedral, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, racioneiro da Igrexa de Santiago, Luís Marcelino Pereira, mestre de Artes da Universidade de Santiago, Benito Gil Lemus e Antonio Gil Lemus. Foi designado director Antonio Páramo y Somoza que exerceu o cargo ata a súa morte en 1786.
A súa primeira sede estivo nos locais prestados polo Concello na casa consistorial. En 1789 iníciase unha etapa de decadencia pola situación de guerra e inestabilidade que coincide cun deterioro interno da institución. As Cortes extraordinarias de 1813 e posteriormente as de 1821 tratan de revitalizar as sociedades económicas con escaso éxito. Unha nova etapa de relativo esplendor se inicia en 1833 debido ao estímulo reformista de Francisco Javier de Burgos, ministro de Fomento. A Sociedade Económica santiaguesa, promovida polo Concello de Santiago, foi restaurada o 28 de decembro dese ano.
Dende 1876 as sociedades económicas de amigos do país tiveron representación senatorial o que evidencia a acentuación e importancia que se lles outorgaba dende a cúpula política. A consideración como corporacións do Estado, outorgada por Lei do 8 de febreiro de 1877, daballes un carácter excepcional no cadro xeral dos centros de opinión e iniciativa da sociedade española do momento. Esta representación na Cámara Alta rematou coa mesma etapa da Restauración, en 1923, co inicio da Ditadura de Primo de Rivera que suspendía a actividade parlamentaria.
En 1883, a Sociedade compostelá conseguiu o seu primeiro asentamento definitivo no edificio de San Clemente grazas a intervención de Eugenio Montero Ríos, deputado por Santiago. Neste período a Sociedade santiaguesa viviu unha etapa intensa, pola participación dos socios pertencentes aos grupos máis acomodados e prestixiosos da cidade e pola súa capacidade de actuación e medios dispoñibles cos que pretendía a transformación social e económica. A dotación dunha sede permitirá a creación do primeiro Museo Arqueolóxico e de Belas Artes galego, pertencente á Sociedade Económica de Santiago, aberto ao público en xuño de 1884, coincidindo coa celebración do seu primeiro centenario. A principios do século XX a Sociedade Económica de Amigos do País da cidade de Santiago colabora na organización da Exposición Rexional Galega, inaugurada en 1909, e nese mesmo ano organiza o Congreso da Emigración.
Por Real Orde do 17 de xaneiro de 1900 o dereito electoral das económicas reduciuse a aquelas que contasen polo menos con 50 socios de tres anos de antigüidade, o que as colocaba detrás dos claustros universitarios e poñía de manifesto o inicio da fin destas sociedades na súa función e significado social. A causa da perda de influenza débese ao xurdir de novas asociacións que asumen as competencias das sociedades económicas con funcións máis especializadas: cámaras agrícolas, cámaras de industria, comercio e navegación, cámaras da propiedade, ligas de contribuíntes, xuntas de reformas sociais, sindicatos rurais e outros. No 1917 Pedro Gómez Chaix presentou unha proposición de lei sobre a reorganización das sociedades económicas, nas que propón unha transformación adaptándoas ás condicións do momento, centrándose na colaboración cos centros de carácter oficial e cunha decidida protección do Estado.
No ano 1945, a Real Sociedade Económica de Amigos do Pais de Santiago trasladouse aos baixos do entón Instituto de Segunda Ensinanza Arcebispo Xelmírez, en San Caetano. En 1956 pasou a ocupar parte dos locais da antiga Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago na rúa de Casas Reais, ata a actualidade.