A instauración da Lei Provisional sobre Organización do Poder Xudicial do 15 de setembro de 1870 supuxo unha modernización do sistema xudicial e sentou os principios esenciais para a implantación dos tribunais colexiados no sistema procesual penal. Con todo, a reforma do procedemento penal non se fixo efectiva ata a promulgación do Real Decreto do 14 de setembro de 1882, polo que se aproba a Lei de Axuizamento Criminal. Esta disposición determinou, xunto coa Lei do 22 de xuño de 1882 e a Lei Adicional á Orgánica do Poder Xudicial do 14 de outubro de 1882, a creación das Audiencias do Criminal e as Salas do Criminal nas Audiencias Territoriais, ao mesmo tempo que establecía unha maior protección aos acusados, amplas garantías procesuais, a separación da instrución do procedemento e o veredicto da causa e, por último, a constitución dun xuízo oral e público ante tribunais colexiados.
O artigo 1º da Lei Adicional á Orgánica do Poder Xudicial do 14 de outubro de 1882 establece a Audiencia do Criminal de Lugo, cuxa xurisdición se exerce nos partidos xudiciais de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Monforte de Lemos, Quiroga e Sarria para coñecer en única instancia en xuízo oral as causas por delitos. Compoñerase dun presidente, un fiscal, dous maxistrados, un tenente fiscal e un secretario. Posteriormente, o Real Decreto do 11 de novembro de 1882 establece que as novas audiencias comezarán a súa actividade o 2 de xaneiro de 1883.
En 1892 son suprimidas as audiencias do criminal que non estean situadas en capitais de provincia conforme ao artigo 35 da Lei do 30 de xuño que fixa os gastos e ingresos do Estado para o ano económico de 1892-1893. O Real Decreto do 16 de xullo de 1892 recalca a supresión das corenta e seis audiencias do criminal non situadas en capitais provinciais e denomina ás restantes como audiencias provinciais, que asumen as funcións dos tribunais suprimidos.
2.5 Funciones, ocupaciones y actividades:
Actividad:
As atribucións exercidas polas audiencias provinciais eran coñecer todas as causas por delitos cometidos dentro do seu territorio, excepto as que correspondan ao Tribunal Supremo ou ás audiencias territoriais. Ademais resolvían as cuestións de competencia que se suscitaban entre xuíces municipais e entre os xuíces de instrución da súa provincia. Resolvían tamén as recusacións de xuíces de instrución e maxistrados da Audiencia e coñecían os recursos de apelación e queixa contra as resolucións dos xulgados de instrución.
As audiencias provinciais exercen certas funcións civís desde o establecemento da II República. Unha delas era coñecer os recursos procedentes dos xulgados de primeira instancia en relación ao artigo 52 da Lei de Arrendamentos Rústicos do 15 de marzo de 1935. Ademais, por medio da Lei do divorcio de 1932, o xuíz de primeira instancia instrúe o procedemento de separación e ao final fai un informe e remite os autos á Audiencia Provincial, quen conclúe o preito e cita ás partes para sentenza. Coñecen tamén as apelacións contra as sentenzas que emitían os xuíces de instrución nos procedementos xurdidos da lexislación de “vagos e maleantes”.
Posteriormente, mediante a Lei 10/1968, do 20 de xuño, as audiencias provinciais constitúense como tribunais con competencias en materia civil, correspondéndolles o coñecemento dos recursos de apelación e de queixa das resolucións de tribunais inferiores, ademais das cuestións de competencia que se xeren entre o diferentes organismos xurisdicionais da provincia. Actualmente, a Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial, consolida as seguintes funcións das audiencias provinciais. Así, coñecerán na orde penal:
- As causas por delito, fóra dos que a Lei atribúe ao coñecemento dos xulgados do penal ou doutros tribunais previstos nesta Lei. É dicir, por exclusión, coñecen do axuizamento e veredicto das causas por delitos castigados con pena privativa de liberdade igual ou superior a 5 anos.
- Os recursos que estableza a lei contra as resolucións ditadas polos xulgados de instrución, do penal, de violencia sobre a muller, de menores e de vixilancia penal da provincia.
Na orde civil coñecerán os recursos que estableza a lei contra resolucións ditadas en primeira instancia polos xulgados de primeira instancia e polos xulgados do mercantil da provincia.