De acordo co Decreto de Unificación do 19 de abril, en 1937 nace a Falange Española Tradicionalista de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET de las JONS) como partido único despois da unión de Comunión Tradicionalista e Falange Española de las JONS. Esta forza política resultante foi coñecida, tamén, como Movemento Nacional, chegando a superar o concepto de mero partido político para constituír a columna vertebral do Estado.
Dotado dos seus primeiros estatutos o 4 de agosto dese ano, foron reformados e aprobadas as súas modificacións mediante o Decreto do 31 de xullo de 1939. Neles contémplanse, como órganos provinciais do Movemento, o xefe provincial, máxima autoridade política da provincia, cuxo posto foi desempeñado na práctica polo gobernador civil, o secretario, o tesoureiro, os delegados provinciais de servizos e o xefe provincial de Milicias.
Despois de estruturarse no Decreto do 20 de xullo de 1957 os servizos da Secretaría Xeral do Movemento, acométese, dous anos máis tarde, a refundición de todas as disposicións ditadas ata o momento relativas á organización territorial do Movemento. A Orde do 1 de decembro de 1959 aprobando o regulamento de organización e funcionamento das xefaturas provinciais e locais, deixou establecidas a súa estrutura orgánica, funcións e competencias.
Aínda que a Secretaría Xeral experimenta un novo cambio na súa estrutura sancionado polo Decreto 15/1970, do 5 de xaneiro, as xefaturas provinciais non se ven afectadas, xa que logo o seu regulamento seguirá en vigor ata a súa supresión mediante o Real decreto-lei 23/1977, do 1 de abril, sobre reestruturación dos órganos dependentes do Consello Nacional e novo réxime xurídico das asociacións, funcionarios e patrimonio do movemento.