Fernando Osorio do Campo, nado na Coruña o 9 de decembro de 1894 e finado na mesma cidade o 14 de maio de 1974, foi un escritor e político galego.
Foi un dos principais protagonistas da actividade teatral das Irmandades da Fala na década de 1920. Colaborou na súa maior iniciativa, o Conservatorio Nazonal de Arte Galego, entre 1919 e 1922. Tamén fundou a súa propia compañía teatral e o semanario republicano Adelante. Cabe destacar a súa acción política na introdución clandestina en Portugal do manifesto O militarismo, do deposto presidente luso Bernardino Machado.
Pasou a súa infancia en Lisboa. Cando terminou a escola foi enviado a Coímbra para continuar os seus estudos na Escola Nacional de Agricultura e ser agrónomo como o seu pai, pero abandonou e decantouse polos estudos de interpretación. Conseguiu un traballo para matricularse na Escola de Representar do Conservatório Nacional de Lisboa.
Na súa etapa de formación teatral coñeceu o fervor republicano, o laicismo e a masonería que son trazos moi definidores da personalidade de Osorio. Fuxiu de Portugal cara a Cáceres para evitar ser chamado á guerra. Alí soubo que fora declarado desertor e decidiu incorporarse ao exército na súa localidade natal, A Coruña. Durante o seu servizo militar coñeceu a Lois Peña Novo que viña de ingresar nas Irmandades da Fala e estableceu relación con Antón Villar Ponte, instalado na cidade desde 1912 e redactor entón de La Voz de Galicia.
No número de 24 de xaneiro de 1919 A Nosa Terra informaba sobre o inicio das actividades do gran proxecto teatral de Osorio e Antón Vilar Ponte, O Conservatorio Nacional de Arte Galega.
Fernando Osorio do Campo foi un dos docentes encargados da formación integral dos intérpretes. No Conservatorio impartíanse leccións de música, historia da arte, literatura galega, escenografía e declamación. Este programa de formación era esencialmente práctico.
Osorio colaborou na promoción e o deseño da Escola de Teatro Gallego Rosalía de Castro. A fundación desta nova escola causou unha división entre os irmandiños, feito que sumado á falta de recursos económicos, causou a cesación das actividades do Conservatorio.
En 1920, Fernando Osorio casou nunha cerimonia civil coa súa prima María de los Ángeles Osorio Mateo. Uns días despois do seu matrimonio, viaxa ao Congo Belga, e máis concretamente a Mathadi, para traballar nun negocio de importacións e exportacións, pero ao chegar ao seu destino enferma e marcha debido á mala fama da casa onde traballaba e dos seus donos. Regresa á Coruña e ingresa como gacetilleiro no xornal El Noroeste.
O 12 de abril de 1921 é elixido bibliotecario das Irmandades.
Fernando Osorio do Campo participou na publicación clandestina do manifesto político O militarismo, un texto de Bernardino Machado, involucrándose ademais na edición do volume e de introducilos clandestinamente en Portugal. Contou coa colaboración de Leandro Carré, Ánxel Casal, Álvaro Cebreiro, Manuel Lugrís Freire e Antón Villar Ponte para propagar estas cento cincuenta páxinas de denuncia política ao réxime ditatorial e de reivindicación das liberdades perdidas.
O 18 de maio de 1930 fundou o semanario Adelante con Carlos Monasterio Valeiro e Ánxel Casal.
Nos inicios da década dos 30, Fernando Osorio do Campo desenvolveu un intenso activismo relacionado en defensa do laicismo, a calidade na educación, a presenza da muller na política, a autonomía de Galicia e o republicanismo.
En outubro de 1931 fundou a Asociación Regional de Padres de Familia para la defensa del laicismo en la Enseñanza xunto con outros masóns militantes da ORGA coa intención de modernizar a institución educativa.
Presidiu a Juventud Republicana a partir de xullo de 1931, onde defendeu a inclusión da muller na vida pública, intelectual e política. Participou na meta de conseguir a aprobación dun Estatuto para Galiza e formou parte da comisión encargada da súa elaboración. No exilio confesou que a súa afiliación política en 1936 era Izquierda Republicana da Coruña.
Deixou a ORGA-FRG e abandonou a primeira liña política a finais de 1932 por discordancias co partido. En marzo de 1932 foi elixido secretario da Xunta de Goberno do Colexio do Secretario Local. Participou en actividades do Casino Republicano como masón, creando unha loxa salvaxe chamada Hércules.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi despedido de axudante do Xefe Técnico Municipal o 19 de setembro por ser contrario ao movemento nacional e republicano de esquerdas.
En decembro fuxiu cara ao Porto, Portugal, e despois a París. Colaborou coa embaixada da II República en París no libro Lo que han hecho en Galicia. Despois da derrota republicana española emigrou a México coa súa familia o 11 de xuño de 1939. O 16 de xuño instaláronse en Veracruz.
En outubro de 1947 os organismos de represión franquista publicaron unha providencia de busca e captura contra el, o caso foi arquivado en xaneiro de 1949.
En outubro de 1950 faleceu a súa muller Ángeles, o que deriva nunha alteración do estado mental de Osorio que empeora co paso dos anos.
En setembro de 1970 diagnosticáronlle numerosas doenzas e a idea de volver á Coruña para vivir o resto da súa vida en Galicia volveu á súa mente.
O 19 de marzo de 1971 obtivo un pasaporte para regresar a España como repatriado. O 22 de abril de 1971 chegou á Coruña e desde entón viviu grazas ás axudas familiares.
En 1971 contactou con Marino Dónega, un dos fundadores da Editorial Galaxia, quen publicou a súa narración biográfica Un home, unha aventura, un tempo: Fernando Osorio Do Campo no número 33 da revista Grial.
As poucas cartas que escribiu eran curtas, confusas e de difícil comprensión. Mudouse varias veces e en marzo de 1974 ingresou na residencia Irmás da Caridade. Morreu o 14 de maio de 1974
2.3 Lugares:
Lugar de nacimiento: A Coruña Lugar de fallecimiento: A Coruña España, Portugal, México