A sociedade mercantil regular Hijos de Simeón García y Cía, de Vilagarcía de Arousa, parece ter unha dobre orixe. Por unha banda, a razón social Hijos de Simeón García de Santiago, ao parecer constituída naquela cidade no ano 1857 e cunha sucursal en Vilagarcía. No entanto, no fondo documental consta a constitución como razón social nunha escritura pública do 16 de abril de 1907, prorrogada noutra escritura do 16 de abril de 1915. Por outra banda, un comercio denominado Nuevo Mundo establecido en Vilagarcía o 18 de maio de 1917.
O 18 de xaneiro de 1922 constitúese en Vilagarcía como sociedade mercantil regular colectiva, que é aquela en que todos os socios, en nome colectivo e baixo unha razón social, se comprometen a participar dos mesmos dereitos e obrigas, na proporción que establezan, con responsabilidade indefinida. Constitúese baixo a razón social Hijos de Simeón García y Compañía.
O obxecto da sociedade é a compra e venda por xunto e polo miúdo de tecidos do reino e do estranxeiro, paquetaría, quincalla, operacións de banca e de lícito comercio. Toma ao seu cargo todo o activo e pasivo, dereitos e obrigas, créditos, débedas, existencias e accións da sucursal da sociedade Hijos de Simeón García, da que é continuadora e sucesora universal.
Unha carta do 27 de agosto de 1958 refírese ao cesamento na actividade bancaria a partir do 1 de setembro dese ano. Este feito é consecuencia do acordo asinado entre a sociedade de Vilagarcía e o Banco Español de Crédito, polo que este se subrogaba nas operacións que ata ese momento viña desenvolvendo aquela.
A documentación conservada parece indicar que, no que respecta á actividade mercantil, a sociedade continuou activa sen interrupción ata o ano 1966. Neste ano, o día 1 de xullo, constituíuse unha sociedade mercantil denominada Almacenes Simeón S.A. Os almacéns son administrados de forma centralizada pola razón social de Vigo, mentres que as tendas, repartidas pola Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Vilagarcía, son autónomas.
De acordo coa documentación conservada, tanto Almacenes Simeón, S.A como Hijos de Simeón García y Compañía, S.R.C. de Vilagarcía cesan na súa actividade no ano 1978.