García Ramos y Segond, José, 1875-08-17 - 1970-10-02
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1875-08-17 - 1970-10-02
2.2 Historia/Descripción:
O seu pai foi Manuel García Segond (Santiago de Compostela, 5 de xuño de 1849 - Santiago de Compostela, 29 de abril de 1910), médico titular en varios municipios dos arredores de Santiago de Compostela. A súa nai foi Victoria Ramos Camiño
Estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o título de licenciado en 1898. Unha vez graduado estableceuse como médico en Arzúa, xunto ao seu pai, onde fixo as prácticas durante uns anos.
O 17 de abril de 1901 casou con Pilar Platas Freire.
En 1911 trasládase á Coruña como substituto do Forense do Xulgado da Audiencia e da prisión. Entre 1911 e 1921 formou parte da Comisión Mixta de Recrutamento provincial do Exército, encargada de determinar a aptitude para o servizo militar. Ademais do seu traballo como forense, tiña a súa consulta privada de dermatólogo. Foi un médico moi vangardista. Foi vicepresidente da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e Asturias.
José foi un gran afeccionado á fotografía, gañando premios en varias exposicións de fotografía rexionais. Foi un pioneiro do cinema en España, dispuxo dunha das primeiras cámaras cinematográficas no noso país e filmou varias decenas de películas como a visita de Alfonso XIII ás Escolas Pías, Sarria, Barcelona, en 1930, rodaxes en San Fernando, Cádiz ou o Mosteiro de Pedra, Zaragoza, películas que agora son obxectos de colección.
Iniciada a II República, en xuño de 1931 presentouse ás eleccións xerais como candidato a Deputado do Congreso pola circunscrición da Coruña, aínda que non conseguiu os suficientes votos para ser elixido.
Nas eleccións de novembro de 1933 presentouse de novo como candidato a deputado nas listas do PRR, sendo elixido e coincidindo co seu irmán Alfredo García Ramos.
Efectuada a escisión do Partido Republicano Radical de Alejandro Leroux, José García-Ramos afíliase ao partido Unión Republicana, liderado po Diego Martínez Barrio.
Nas eleccións de 1936 o partido Unión Republicana formou parte da coalición de esquerdas denominada Fronte Popular. José García-Ramos, candidato de Unión Republicana, tomou posesión da acta de deputado en Madrid o 24 de marzo de 1936.
O estalido da Guerra Civil Española sorprendeulle na Coruña. Só unha semana despois, o 25 de xullo de 1936, foi detido e encarcerado na prisión provincial da Coruña. En agosto de 1936 impúxoselle unha multa por pertenza a unha loxia masónica e o 26 dese mes o novo gobernador civil destitúeo como Médico Forense do Xulgado. Tamén lle embargaron os seus bens
O 1 de outubro de 1936, tras dous meses e medio no cárcere, ordénase a súa liberdade e desterro fóra da Coruña. Unha vez acabada a guerra civil foi xulgado polo Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo e condenado a doce anos de cárcere. Despois de pasar case dous anos recluído, a súa pena foi conmutada pola de seis anos de confinamento, consistente na prohibición de residir na Coruña, polo que se trasladou a vivir a Pontevedra.
Á súa volta á Coruña seguiu exercendo a súa profesión como médico dermatólogo. Aínda que sempre estivo vixiado polo réxime, conseguiu manter comunicación co goberno da república no exilio.