A instauración dos xulgados de primeira instancia e instrución iníciase no período das Cortes de Cádiz ó establecer a Constitución de 1812, no seu artigo 273, que en cada xulgado que sexa cabeza de partido xudicial haberá un xuíz de letras.
Posteriormente, o Decreto do 9 de outubro de 1812, que aproba o Regulamento das Audiencias e Xulgados de Primeira Instancia, incide na distribución de partidos onde exercerá un xuíz letrado de primeira instancia.
A Orde das Cortes do 2 de maio de 1813 recalca a maneira en que se deben distribuír os partidos xudiciais. Tanto a Deputación Provincial como a Real Audiencia de Galicia realizaron unha proposta de división xudicial que incluía o partido de Monforte de Lemos.
A instauración do absolutismo en 1814 xerou a supresión das medidas reformadoras, polo que a demarcación xudicial non se volve a propoñer ata a instauración do Trienio Liberal. A Orde das Cortes do 29 de xuño de 1821 mantén en Galicia a división dos 47 partidos xudiciais efectuada en 1813. Novamente a restauración absolutista de 1823 elimina os partidos xudiciais.
As reformas do período liberal establecen o Real Decreto do 30 de novembro de 1833, que divide o territorio en provincias para atribucións administrativas, militares, xudiciais e facendísticas. Posteriormente, o Real Decreto do 21 de abril de 1834 divide as provincias en partidos xudiciais, un dos cales na provincia de Lugo é o de Monforte de Lemos.
O Real Decreto-Lei do 17 de decembro de 1926 establece as pautas para unha nova planta xudicial que culminará no Proxecto de demarcación xudicial do territorio da Audiencia territorial da Coruña de 1927. Nesta nova proposta avogábase por integrar o partido xudicial de Quiroga no de Monforte de Lemos, o que finalmente sucede mediante o Decreto 3388/1965, do 11 de novembro, polo que se modifica a Demarcación Xudicial.
A Lei 38/1988, do 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial, fixa o partido xudicial de Monforte de Lemos que agrupa os municipios de Bóveda, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.
En canto ás competencias xudiciais destes organismos o Decreto do 9 de outubro de 1812, que aproba o regulamento das Audiencias e Xulgados de Primeira Instancia sinala que o xuíz letrado de primeira instancia coñecerá causas civís e criminais en primeira instancia, excepto as que coñezan os alcaldes dos pobos (demandas civís de menor contía e os xuízos verbais de faltas pero con previsión dos xuíces de partido) e as que se reservan aos tribunais especiais.
O Real Decreto do 21 de abril de 1834 establece o cesamento das funcións xudiciais dos alcaldes ordinarios, que deberán remitir os procesos xudiciais aos xuíces letrados das cabezas de partido.
O Regulamento provisional de Administración de Xustiza de 1835 sinala as competencias dos xuíces letrados de primeira instancia, que son os únicos que coñecen no seu partido en primeira instancia todas as causas civís e criminais (incluídos os suprimidos casos de corte), con excepción dos xuízos verbais. O Regulamento do 1 de maio de 1844 dos Xulgados de Primeira Instancia, concreta determinadas funcións.
A Lei Provisional sobre Organización do Poder Xudicial do 15 de setembro de 1870 propoñía dividir o territorio para efectos xudiciais en distritos, partidos, circunscricións e termos municipais. En cada partido habería polo menos un tribunal de partido, que estaría formado por tres xuíces e en cada circunscrición un xuíz de instrución. Os tribunais de partido non chegaron a establecerse e mediante a Circular do 30 de setembro de 1870 atribúese aos xuíces de primeira instancia a funcións que a lei de 1870 asignaba a estes tribunais.
Por tanto, estes xuíces en materia civil coñecen en primeira instancia os xuízos que expresamente lle atribúen as leis, así como as apelacións verbais; na orde penal instrúen os sumarios das causas criminais que se sentencian nunha instancia superior e ademais coñecen en única instancia e en xuízo oral e público os delitos aos que a lei impón como máximo unha pena correccional (isto é segundo os casos, un máximo de prisión de seis anos) e resolven as apelacións dos xuízos de faltas dos xulgados municipais. A Lei do 14 de outubro de 1882, adicional á orgánica do poder xudicial, incide nestas atribucións.
Posteriormente diversas reformas do artigo 14 da Lei de Axuizamento Criminal de 1870 (como a Lei 3/1967, do 8 de abril, sobre modificación de determinados artigos do Código penal e da Lei de Axuizamento Criminal) onde se definen as súas atribucións atribúenlle os delitos castigados con penas non superiores a arresto maior, privación do permiso de conducir ou multas que non excedan dunha determinada cantidade, así como o coñecemento e resolución de xuízos de faltas ou delitos leves.
Outra función xurisdicional exercida é a de Responsabilidades Políticas, que se instaurou durante a ditadura franquista para desmantelar o sistema político anterior e represaliar ás persoas e organizacións que apoiaran a República, e que era exercida polos xulgados instrutores provinciais. Estes xulgados especiais son suprimidos pola Lei de Reforma de Responsabilidades Políticas do 19 de febreiro de 1942, sendo asumidas as súas funcións polos xulgados de primeira instancia e instrución.
A Lei Orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial confírelles os xuízos civís en primeira instancia que non estean atribuídos a outros xulgados ou tribunais, e os recursos contra as resolucións dos xulgados de paz; en materia penal encargaranse da instrución das causas que posteriormente axuicen as audiencias provinciais e os xulgados do penal (excepto as causas que sexan competencia dos xulgados de violencia sobre a muller) e os recursos contra as resolucións ditadas polos xulgados de paz. Actualmente na orde penal, os xulgados de paz quedan sen competencias debido á Lei Orgánica 1/2015, do 30 de marzo, pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro do Código penal.
A Lei Orgánica 10/1980, do 11 de novembro, de axuizamento oral de delitos dolosos, menos graves e flagrantes, establece como competencia dos xuíces de instrución o coñecemento e veredicto dos delitos castigados con pena privativa de liberdade cuxa duración non exceda de seis anos. As súas resolucións apelábanse ante a Audiencia Provincial. Esta lei foi derrogada en 1989 pola Lei 7/1988, do 28 de decembro, dos Xulgados do Penal, que modifica o artigo 14 da Lei de Axuizamento Criminal que actualmente dita que o xuíz de instrución será competente para o coñecemento e veredicto dos xuízos por delito leve e a instrución das causas. Este artigo 14 establece que será o xuíz do penal o que coñeza e resolva as causas por delitos aos que a Lei sinale pena privativa de liberdade de duración non superior a cinco anos ou calquera outras de distinta natureza, ben sexan únicas, conxuntas ou alternativas, sempre que a duración destas non exceda de dez anos.
Historia archivística
Os documentos xerados polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Monforte de Lemos atopábanse almacenados nunhas dependencias municipais do Concello de Monforte de Lemos, presentando unhas condicións bastante inapropiadas debido á existencia de filtracións de auga e rotura de cristais. Foran depositados alí debido á escasa capacidade do arquivo do Xulgado, polo que no ano 2000 decidiuse que ingresasen no Arquivo Histórico Provincial.
A documentación do fondo estaba mesturada cos expedientes xerados polos tribunais de Foros de Monforte de Lemos e o de Quiroga, os xulgados municipais de Monforte de Lemos e de Quiroga, os xulgados comarcais de Sober, Quiroga e O Saviñao, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Quiroga e o Tribunal Industrial de Quiroga.
Posteriormente, no ano 2014 unha remesa de documentación de conservación permanente, que quedara sen transferir, foi depositada no Arquivo Xudicial Territorial.
Así mesmo, unha pequena parte do fondo estaba achábase na documentación xudicial dos protocolos notariais.
Alcance e conteúdo
Nº 70/1936 (Xulgado Militar), nº 498 (Xulgado Especial Civil), nº 5/1937 (Xulgado de Primeira Instancia e Instrución), nº 4/1942
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
A documentación é de acceso libre, excepto nos casos nos que non se superou o prazo que determina a lexislación vixente para a súa consulta.
Condiciones de reproducción
Condiciones de reproducción:
Os prezos están suxeitos ao que dispón a lexislación vixente nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia. A prestación do servizo quedará condicionada ao estado de conservación dos fondos.
Lengua:
Spanish; Castilian
Documentación relacionada
Unidades de descripción relacionadas
Unidades de descripción relacionadas: A documentación posterior ás datas sinaladas deste Xulgado nº 1 se custodia no Arquivo do Edificio Xudicial de Monforte de Lemos, do mesmo xeito que o fondo relativo ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2. Ademais consérvase documentación no Arquivo Xudicial Territorial de Lugo dos xulgados do Penal e da Audiencia Provincial, organismos ós que corresponde a partir de 1989 o axuizamento dos delitos instruídos nos xulgados de instrución. O Xulgado do Penal coñecerá os casos cuxa pena non supere os cinco anos, mentres que se é superior o encargado será a Audiencia Provincial. No fondo da Audiencia Provincial tamén se custodian as apelacións realizadas contra as resolucións ditadas polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución. No Arquivo Histórico Provincial de Lugo tamén se custodia a documentación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Quiroga, así como os fondos dos xulgados comarcais do Saviñao, Quiroga e Sober, os xulgados municipais de Quiroga e Monforte de Lemos, os tribunais de foros de Monforte de Lemos e Quiroga e o Tribunal Industrial de Quiroga.