Os xulgados municipais teñen o seu precedente máis inmediato na figura dos xuíces de paz, creados a partir do Real Decreto do 22 de outubro de 1855. A súa instauración é froito da Lei Provisional do 15 de setembro de 1870 sobre organización do Poder Xudicial, que establece que en cada termo municipal haberá un ou varios xuíces municipais cun cargo de duración bienal. Na práctica os xulgados municipais substitúen ós xulgados de paz. A Lei de reorganización da Administración de Xustiza nos Xulgados Municipais do 5 de agosto de 1907 establece unha nova figura xurídica, o Tribunal Municipal, que estaba composto polo xuíz e dous adxuntos. Os tribunais municipais foron suprimidos mediante o Real Decreto do 30 de outubro de 1923 sobre reorganización da Xustiza Municipal, que establecía que as funcións dos organismos desaparecidos pasarían a ser competencia dos xulgados municipais. Os xulgados municipais serán reestruturados pola Lei do 19 de xullo de 1944 de Bases para a reforma da Xustiza Municipal, que reorganiza a xustiza local en tres clases de órganos xurisdicionais: xulgados municipais, xulgados comarcais e xulgados de paz. Os xulgados municipais establecíanse nas capitais de provincia e nos concellos de máis de vinte mil habitantes (posteriormente a Lei 19/1967, do 8 de abril, amplía o número a trinta mil habitantes), mentres que os xulgados comarcais administraban xustiza nos municipios que eran centros ou capitais de comarca. Pola súa banda, os xulgados de paz exercerían as súas competencias alí onde non houbese xulgados municipais nin comarcais. A Orde do 24 de marzo de 1945 pola que se aproba a demarcación dos Xulgados Municipais, Comarcais e de Paz determina a creación dun Xulgado Comarcal en Quiroga en substitución do Xulgado Municipal.
2.5 Funciones, ocupaciones y actividades:
Actividad:
Os xulgados municipais exercen a administración de xustiza no ámbito local. Tanto a Lei Provisional do 15 de setembro de 1870 sobre organización do Poder Xudicial, como a Lei Provisional de Rexistro Civil, do 17 de xuño de 1870 confiren ós xuíces municipais as atribucións do Rexistro Civil. Nunha circular posterior de 30 de setembro de 1870, determínase que os xuíces de paz sexan denominados como xuíces municipais e que exerzan as atribucións destes. As funcións que a Lei orgánica do Poder Xudicial de 1870 encomendáballes ós xuíces municipais eran en materia civil coñecer os actos de conciliación, os xuízos verbais que non excedan dunha determinada cantidade, as primeiras dilixencias de testamentarías ou sucesións e exercer a xurisdición voluntaria. En materia penal axuizaban as faltas cometidas e encargábanse das primeiras dilixencias dos asuntos criminais. Coa creación en 1907 do Tribunal Municipal, os xuíces tiñan unha función basicamente de instrución xa que practicaban as dilixencias dos procesos civís e penais que posteriormente axuizaba o Tribunal Municipal; así mesmo executaban as sentenzas ditadas polo devandito tribunal. Por outra banda, o Tribunal Municipal encargábase en materia civil das demandas que non excedesen dunha cantidade concreta; dos xuízos atribuídos ós xuíces municipais por algunha lei; dos conflitos que se produzan no ámbito dos pousadeiros, hóspedes, cocheiros e viaxeiros, axentes de emigración e emigrantes, patróns de embarcacións e persoas que transporten, sempre que tales cuestións refíranse a gastos, indemnizacións ou salarios e que non excedan dunha determinada contía; así mesmo resolverá as cuestións relacionadas co comercio de gando nas feiras que non excedan unha cantidade concreta. En materia penal o Tribunal Municipal coñecía en primeira instancia as infraccións denominadas como faltas. A acción civil procedente dunha falta estaba limitada á mesma contía que esta lei sinalaba para os asuntos civís e se excedía era o xulgado de Primeira Instancia o competente para resolver. Os tribunais municipais foron suprimidos mediante o Real Decreto do 30 de outubro de 1923 sobre reorganización da Xustiza Municipal, que establecía que as funcións dos organismos desaparecidos pasarían a ser competencia dos xulgados municipais.