A familia Aperribay ten as súas orixes en Basauri (Biscaia) e aparece xa na Coruña en 1805. O primeiro membro desta liñaxe é José Antonio Aperribay Uriarte, que casa nesa data con Teresa Sánchez Picado, natural da Coruña.
Continúa a familia con Ángel Aperribay Sánchez, avogado da Real Audiencia de Galicia, quen casa con Antonia Pazos Payán, neta de Antonio Payán de Tejada y Figueroa, avogado da Real Audiencia de Galicia, xuíz de Alzada do Real Consulado, fiscal de Rendas da provincia e deputado nas Cortes de Cádiz.
Dos fillos de Ángel e Antonia, mencionamos a Flora Aperribay Pazos, casada con Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida, arquitecto municipal da cidade da Coruña; e Antonio Aperribay Pazos, coronel e capitán de Infantaría, gobernador militar de Ourense, que casou con Amparo Pita da Veiga e Lema, neta de José de Lema Osorio y Pimentel, da casa da Vitureira (San Xián de Langueirón, Ponteceso).
O seu fillo Ángel Aperribay Pita da Veiga, avogado, é quen reúne toda a documentación que acompaña as propiedades herdadas, tanto pola súa parte como pola da súa esposa, María de Acevedo Saavedra, neta de Andrés Saavedra Codesido, gobernador da Fortaleza de la Cabaña (Cuba). Na súa filla Elisa Aperribay Acevedo remata esta rama da familia, xa que non tivo fillos do seu matrimonio con Leopoldo Sánchez Tella.
A familia Aperribay entronca con outras familias galegas, como a dos Lema Osorio e Boutureira, Pita da Veiga, Acevedo, así como con algunhas vascas como Ciórraga, Landajuela Barroeta e Goitia.
Como outras familias da fidalguía galega, a base económica sobre a que se sustenta, ou que polo menos complementa a actividade dos seus membros, é a propiedade ou tenza de terras e rendas.
Entre as propiedades herdadas das distintas ramas da familia, todas situadas en diferentes concellos da actual provincia da Coruña, sinalamos as correspondentes ás casas de Muxía e Touriñán (Muxía), Carrabete (Laxe), Ceán (Vimianzo); A Vitureira, Bardaio e Rebordáns (Ponteceso), e a do Porto, en Camariñas; como tamén outros bens sitos nas parroquias de San Salvador de Bergondo, San Vicente de Vigo e San Martiño de Tabeaio (Carral); San Salvador de Orro (Culleredo); San Pantaleón das Viñas e San Salvador de Velouzás (Paderne).
No concello de Muxía, a casa deste nome ten propiedades e cobra rendas en San Pedro de Coucieiro, San Martiño de Ozón, San Martiño de Touriñán e San Cibrán de Vilastose. No concello de Ponteceso atopamos os bens da Casa de Rebordáns en San Salvador de Pazos e da Casa da Vitureira en San Xián de Langueirón.
Historia archivística
O fondo chega ao ARG en varias fases. Primeiro, o 12 de maio de 1987 o Ministerio de Cultura compra a D. Ricardo Martínez, como intermediario entre a propietaria e o ARG, 8 metros lineais, é dicir, a meirande parte da documentación. O 19 de outubro de 1989 prodúcese unha doazón de 0,10 metros lineais, correspondente á Casa da Vitureira, propiedade de Dª Amparo Aperribay. A doazón foi realizada por Dª Mª del Carmen Folgueira Alende e D. Víctor Fernández Curros. Finalmente, o 14 de outubro de 1998 D. Ricardo Martínez doa dúas unidades documentais: un libro de contas de tutela de 1784 e unha executoria de nobreza de 1769. O fondo toma o nome do último personaxe reflectido na documentación e acumulador: Ángel Aperribay Pita da Veiga.
Alcance y contenido
A pesar de que o fondo abarca os anos 1535-1988, a meirande parte da documentación pertence á segunda metade do XIX e á primeira do XX. Hai unha clara diferenciación entre os fondos funcionais e as coleccións. Os primeiros reflicten a documentación producida e acumulada, de maneira orgánica, polos diferentes membros da familia como resultado da súa actividade e que son testemuño das actividades que realizan. As coleccións, formadas por documentación de variada tipoloxía, non responden a ningún criterio orgánico na súa formación, senón á vontade da persoa que acumula a documentación, e polo tanto, totalmente subxectivo.
Condiciones de acceso
Condiciones de acceso
Descripción condiciones de acceso:
Acceso libre en xeral.
Determinadas series están afectadas por limitacións no acceso, de acordo coas condicións xerais da lei.
Normativa:
Trátase de documentación pública de titularidade estatal, xestionada pola Xunta de Galicia. Ao ser depositados no ARG, os documentos que integran o fondo adquiren a condición de bens de interese cultural, tal e como estipulan, respectivamente, os artigos 50 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e o 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español; pasan a gozar, polo tanto, do réxime de protección que estas normas establecen para as ditas categorías de bens culturais.
Condiciones de reproducción
Derechos de autor
Situación de derechos de autor:
A reprodución da documentación deste fondo está suxeita ás seguintes disposicións: - Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia. - Orde do 31 de agosto de 2010, pola que se establecen as normas para a consulta e reprodución dos documentos nos arquivos propios e xestionados pola Xunta de Galicia.