Foro outorgado por Diego de Parada, prior do mosteiro de San Domingos de Ribadavia, a Gonzalo de Saa, veciño de Ribadavia, dunha casa na rúa da Ferraría da dita vila de Ribadavia , por vinte marabedís
O convento de San Domingos de Ribadavia fundárono a finais do século XIII os discípulos de frei Pedro González, representante da orde de San Domingos na comarca do Avia. Foi un dos primeiros templos dominicos que se estableceron en territorio galego. A súa primitiva advocación foi a de Santa María de Valparaíso e ata o século XIV o convento non aparece documentado como San Domingos de Ribadavia. O edificio orixinal foi ampliado posteriormente, edificándose o convento actual sobre as ruínas do lendario pazo do rei García I. A súa construcción rematou a finais do século XV, cando os dominicos obteñen dos Reis Católicos os materiais do castelo da Mota. San Domingos recibiu importantes doazóns dos fieis, principalmente para enterramentos e oficios litúrxicos, e coñeceu épocas de esplendor co patrocinio dos Sarmiento, condes de Ribadavia. Os dominicos mantiveron boas relacións coa burguesía ribadaviense e coa dos arredores da vila e nos séculos XV e XVI este convento chegou a ser un dos máis ricos da orde. Nel impartíronse as cátedras de Teoloxía Moral e Gramática e celebrouse alí o Capítulo provincial do ano 1306, o que da proba da súa importancia dentro da orde dominica. Trala Desamortización do século XIX pasou a mans de particulares e do concello coñecendo distintos usos como escola, academia, teatro municipal, hospital, cuartel, etc. En 1903 a súa igrexa converteuse en parroquial.
Historia archivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.