O fondo Xestión Mineira, composto por máis de catrocentas caixas de arquivo, está formado por documentación xerada na antiga “Jefatura de Minas de La Coruña”, máis tarde denominada “Distrito Minero de La Coruña”. Na súa maioría son expedientes relacionados coa ordenación, explotación e seguridade mineira. Os tres capítulos son un testemuño dunha actividade económica importante como era a minaría en Galicia. Este fondo é unha mostra da xestión da minaría e amosa case toda a actividade relacionada con esta. Son expedientes xa cancelados, que remataron a súa vida administrativa activa e as súas datas extremas van de 1856 a 1971.
Este fondo documental chegou ao depósito do Centro de Documentación e Arquivo da Universidade da Coruña (CEDAR) a fins de decembro de 2020, procedente das instalacións da empresa Sargadelos en O Castro-Sada.
O fondo chegou por proposta do profesor emérito desta universidade Juan Ramón Vidal Romaní. Vidal advertiu que os responsables da citada empresa instaban a que de modo perentorio se baleirase o espazo que ocupaba a documentación. Polo testemuño do mesmo Vidal sábese que, antes da súa chegada a esta empresa, o fondo salvouse nun determinado momento dunha máis que probable destrución.
En xuño de 2021 o xefe do Servizo de Rexistro, Documentación e Arquivo emitiu un informe de valoración e propuña a aceptación do fondo. O 20 de xullo de 2022 o Consello de Goberno da UDC aprobou a proposta de aceptación da doazón. Ao día seguinte o Consello Social aceptou a doazón.
Alcance y contenido
Contén:
- Solicitude de autorización para a posta en marcha dunha fábrica de produtos químicos e abonos minerais no Burgo, término municipal de Culleredo, asinada por Antonio Llobet Visa.
- Memoria descritiva da fábrica asinada polo enxeñeiro de minas Faustino Hervada.
- Plano xeral do emprazamento das instalacións
- Plano de fabricación de ácido sulfúrico
- Plano detalle das cámaras de chumbo
- Plano de fabricación de superfosfatos
- Plano de fabricación de ácido nítrico
- Plano do almacén de primeiras materias
- Plano do edificio de talleres