Tribunal Tutelar de Menores (A coruña, España). (1918 - 1985)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1918 - 1985
2.2 Historia/Descripción:
En 1904 promúlgase a primeira lei española de protección á Infancia, da que se derivou, en 1908, a creación, das xuntas provinciais e locais de protección da infancia e do Consello Superior de Protección da Infancia e Represión da Mendicidade. Este organismo impulsou a promulgación da Lei de Bases do 2 de agosto de 1918 e o Decreto Lei do 25 de novembro do mesmo ano, obra de Monterio Ríos, sobre a creación e funcionamento dos tribunais para nenos nas provincias que conten con establecementos para a corrección e protección da infancia. Estes tribunais, compostos por un xuíz e dous vogais, foron establecéndose paulatinamente en todas as capitais de provincia, creándose o primeiro deles en Bilbao en 1920 e o da Coruña en 1937.
En 1925 reorganízanse e reciben o nome de tribunais tutelares para Nenos, que se cambia en 1929 polo de tribunais tutelares de menores. En 1940 volven reestruturarse sobre a base do establecemento de tribunais colexiados non profesionais nas provincias que conten con establecementos de protección e corrección, coa excepción de Madrid, que se personifica nun só xuíz retribuído.
A excepción pasa a converterse en regra en 1948 e adóptase o modelo de tribunal unipersoal nas capitais de maior poboación. O Texto Refundido da Lei de tribunais tutelares de menores, aprobado por Decreto do 11 de xuño de 1948, establece o sistema da xurisdición especial para menores que estará vixente, con escasa modificacións, ata 1992.
Os Tribunais tutelares de menores configúranse como organismos administrativos-xudiciais, compostos por persoas cuxas características esenciais debían ser o gozar de 'unha moralidade e vida familiar intachables...que polos seus coñecementos técnicos áchense máis indicadas para o desempeño da función tuitiva que se lles encomende' e que teñen atribuídas as funcións protectora, reformadora e de axuizamento aos menores de 16 anos. O sistema establecido prescindía das garantías procesuais e non recollía no seu articulado os principios de legalidade, tipicidade e proporcionalidade propios do Dereito Penal.
A lei foi reformada polos decretos do 19 de decembro de 1969 e 26 de febreiro de 1976, dando entrada nos tribunais tutelares de menores, como xuíces unipersoais, a persoal activo da carreira xudicial ou fiscal, pero sen estar sometidos ás normas procesuais aplicables na orde xurisdicional penal. O Tribunal dispoñía de absoluta liberdade de criterio na instrución e na investigación e, segundo o seu criterio e baixo a súa responsabilidade, podía impoñer calquera medida, desde a amoestación ao internamento en centro correccional, con independencia da maior ou menor gravidade dos feitos.
A partir da Constitución Española de 1978, a xurisdición especial de menores modifícase. En primeiro lugar, a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial, crea os xulgados de menores, atendidos por xuíces de carreira con xurisdición provincial e sede na capital de provincia, e establece como competencia dos mesmos o exercicio das funcións que establezan as leis para cos menores que incorresen en condutas tipificadas como delitos ou faltas . A Lei orgánica 4/1992, do 5 de xuño, sobre reforma da Lei reguladora da competencia e o procedemento dos xulgados de menores. corrixe as irregularidades procesuais e recolle todas as garantías derivadas do ordenamento constitucional .