Figura de extraordinario relevo no mundo das finanzas españolas. Orfo de pai desde os dous anos, da súa educación encargouse o seu primo Pedro Barrié Pastor, propietario da sociedade mercantil José Pastor e Compañía, formalizada co seu defunto tío José Pastor Horta, do que foi o seu único e universal herdeiro e cuxa historia se remonta ao ano 1776 baixo a denominación de Jaime Dalmau e Cía.
Ricardo Rodríguez estudou nos mellores colexios: a Escuela de Bruce Castle (preto de Londres), o Liceo de Mont-de-Marsan e a Escuela Superior de Comercio de Bordeus. Ao finalizar a formación académica empregouse na casa Schaar & Poppenhusen de Hamburgo. En 1889 regresou á súa cidade natal para ingresar na casa de banca e comercio do seu curmán Pedro Barrié Pastor. Ao termo dese mesmo ano accedeu á condición de socio, aínda que minoritario, producíndose o cambio na denominación social, Sobrinos de José Pastor. Esta razón social perdurou ate 1925, en que se transformou en sociedade anónima coa denominación de Banco Pastor. Á fronte do Banco e como principais accionistas estaban como presidente Ricardo Rodríguez Pastor, e Pedro Barrié da Maza como vicepresidente e director xeral, ademais de accionista maioritario ao suceder ao seu pai, falecido en 1919. O seu pai, Pedro Barrié Pastor, decidira, de acordo co mozo Pedro, que Ricardo, que traballara estreitamente con el e que tiña vinte e tres anos máis que o novo banqueiro, fose o presidente ate o seu retiro ou falecemento, para o que lle cedería en documento privado as accións necesarias para que tivese a maioría. Igualmente convíñase que ao falecemento de Ricardo estas serían devoltas a Pedro Barrié da Maza.
A principios de 1929, sendo ministro de Facenda Calvo Sotelo, co cal lle unía unha gran amizade, foi designado conselleiro do Banco de España, en representación da banca privada. Ademais da presidencia do Banco Pastor, xerente de Sobrinos de José Pastor, Ltda. e conselleiro do Banco de España, foi presidente da Azucarera Gallega, de Aguas de La Coruña, da Hidro-Eléctrica del Pindo, de Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad e da Sociedad General Gallega de Electricidad, entre outros cargos en empresas e bancos.
En 1939, ao falecemento de Ricardo Rodríguez Pastor, Pedro Barrié da Maza recomprou as accións que lle cedeu e que lle pertencían e accedeu ao cargo de presidente de Banco Pastor.
2.3 Lugares:
Lugar de nacimiento: A Coruña España. Residencia, sede: A Coruña