Fundadoa na década de 1940 por José María González-Chairos y Caruncho, comeza a súa actividade coa construción de pequenos pesqueiros de madeira. En 1944 pasa a ser Astano, SA ampliando as súas instalacións e comezando a construción de buques de moito maior calado, será a partir deste intre cando esta empresa convértase na industria que vertebre e sobre a que vire a actividade da comarca de Fene. En 1963 o número de traballadores dispárase co comezo da construción de grandes cargueiros e petroleiros chegando a dar emprego directo a máis de cinco mil traballadores; modernízanse as instalacións e convértese nun referente mundial dentro da construción naval de petroleiros de ata trescentas mil toneladas. Será durante os anos 80 coa posta en marcha da política de reconversión do sector naval, cando comeza o declive industrial do estaleiro ao limitarse o seu campo á construción de estruturas para a prospección e explotación petrolífera, campo no que tamén destacou.
Co final do século XX vén tamén a desaparición de Astano; en 2004 nace Navantia, produto da fusión de Astano e a antiga Bazán que hoxe en día forman un estaleiro que reparte as súas instalacións entre as dúas factorías, a de Fene e a de Ferrol.