O Movemento contou sempre cunha Delegación Nacional dedicada ao encadramento da Xuventude: primeiro, coa denominación de organizacións xuvenís (ata 1940); despois, como Fronte de Xuventudes (1940-1970); e de 1970 a 1977, como Delegación Nacional da Xuventude.
Coa excepción dos primeiros anos, acolle unicamente a xuventude masculina, mentres que as mozas quedan en mans da Sección Feminina. A Lei de decembro de 1940 que institúe a Fronte de Xuventudes marca como obxectivos a “educación política, física e deportiva, cultural, moral, social e relixiosa” da xuventude española. Conta co monopolio do control sobre a docencia das disciplinas de Educación Política, Física e Deportiva a través dun Servizo Nacional de Instrutores, funcionarios da Fronte de Xuventudes que imparten esas ensinanzas nos centros de bacharelato, xestionan os centros propios da delegación (colexios menores, residencias, etc) e serven de dirixentes na organización xuvenil.
Contou ademais sempre cunha organización xuvenil, chamada precisamente así (Organización Xuvenil) durante os anos da Guerra Civil; despois, Falanxes Xuvenís de Franco (1940-1960); e Organización Xuvenil Española (OXE) nos seus últimos anos, de 1960 a 1977.
Da delegación dependía tamén o Sindicato Español Universitario (SEU), aínda que este gozou sempre dunha grande autonomía.
Segundo unha orde publicada na Revista de Mandos nº 5, correspondente ao mes de abril de 1942, nas delegacións provinciais da Fronte de Xuventudes existirá a mesma organización que na Delegación Nacional, aínda que adaptada á súa menor amplitude. Non haberá departamentos nin asesorías: todos toman o nome de servizos. O delegado provincial asume a xefatura das falanxes de voluntarios; o secretario provincial, o Servizo de Organización; despois están as seccións: SEU, Frechas, Aprendices e Feminina, mais os seguintes negociados:
- Relixión e Moral
- Cultura, Arte e Publicacións
- Administración
- Formación Nacional Sindicalista, Educación Física e Educación Premilitar
- Campamentos e Albergues
- Sanidade
A Orde do 18 de novembro de 1970, pola que se aproba a norma orgánica da Delegación Nacional da Xuventude, regula os servizos provinciais: á fronte, un delegado provincial, co mando directo sobre delegacións locais, dependencias, centros e servizos que a Delegación da Xuventude manteña no eido provincial. Hai un secretario provincial que xestiona os asuntos de carácter económico e administrativo, un Departamento de Participación e outro de Formación.