Familia formada polo casal de Santiago Casares Paz e Rogelia Moredo Quiroga e os seus oito fillos.
Trátase dunha familia de fondas conviccións republicanas.
Santiago Casares, pai e fillo, pertenceron á masonería.
Santiago Casares Paz naceu en 1845. Estudou dereito na Universidade de Santiago de Compostela e, no ano 1866, trasladouse á Coruña. Casou con Rogelia Moredo Quiroga. Tiveron varios fillos, aínda que só Santiago e Arturo Casares Quiroga chegaron á idade adulta.
Casares Paz gozou dunha posición económica e social privilexiada, xa que exerceu como administrador de bens e rendas das máis importantes familias da burguesía local e da nobreza. Especialmente dos condes de Taboada, familia Torres Moreno, Torres Krus, Adalid, etc. Tamén exerceu outras actividades:
- Desde 1888 foi administrador da Sociedad de Seguros Mutuos de Incendios de Casas da Coruña, cargo que alternará co seu fillo ata 1916, ano no que lle cede o seu posto. Esta empresa tiña a súa sede na rúa Panadeiras número 56. Alí instalaron os Casares o seu despacho de avogados e administradores.
- A familia Casares tamén tiña parte como accionista na publicación Terra Galega. Santiago Casares Quiroga foi o director entre os anos 1914 e 1917.
Tamén, como se verá no apartado adicado ao su fillo, tivo unha ampla participación na vida política local.
Santiago Casares Paz faleceu en San Sebastián o 23 de xuño de 1920. A familia Casares tamén tiña parte como accionista na publicación Terra Galega. Santiago Casares foi o director entre os anos 1914 e 1917.
Arturo Casares Quiroga foi un brillante avogado. Especial mención tivo a súa actuación nos sucesos de maio de 1901 na folga xeral dese ano, coñecida como Folga dos Consumeiros. Arturo morreu de tuberculose, un mes despois de casar con Cándida Ariza, o 31 de xaneiro de 1903.
Santiago Casares Quiroga naceu na Coruña o 8 de maio de 1884. Estudou na casa nos primeiros anos de vida, debido á súa mala saúde, pois tamén padeceu tuberculose. Despois ingresou no colexio Dequidt. En 1905 empezou os estudos de dereito en Santiago de Compostela pero ao pouco trasladouse a Madrid, onde naceu a súa primeira filla, Esther Casares Quiroga, froito dunha relación extramatrimonial pero da que, desde os primeiros momentos, se fixo cargo.
Santiago Casares Quiroga casou con Gloria Pérez Corrales, filla dunha traballadora da Fábrica de tabacos e costureira, o 25 de outubro de 1921. Do matrimonio naceu a célebre actriz María Casares o 21 de novembro de 1922
No ano 1911 empezou a exercer como avogado. Politicamente iniciouse en Solidaridad Gallega. No ano 1914 foi elixido quinto e logo cuarto tenente de alcalde da cidade da Coruña. A finais do ano 1915 saíron, pai e fillo, elixidos novamente concelleiros, primeiro tenente de alcalde e síndico, respectivamente. Santiago Casares Paz foi elixido alcalde o 19 de decembro de 1917. Cargo que exerceu ata o 31 de decembro dese mesmo ano. Santiago Casares Quiroga seguiu a exercer o cargo de síndico. Na nova corporación participaba ademais en varias comisións e xuntas.
Ademais da súa actividade política na Coruña, foi elixido presidente do Casino Republicano da e da sociedade Recreativa e Instructiva de Artesanos.
No ano 1926, no aniversario da I República, un grupo de intelectuais de esquerdas, radicais e reformistas crearon Alianza Republicana, á que se sumou o núcleo do Casino Republicano da Coruña. Pertenceu a esta organización ata 1929, ano no que ingresou na ORGA, Organización Republicana Gallega Autónoma. No pacto de Lestrobe do ano 1930 xorde a FRG, Federación Republicana Gallega.
Nas eleccións municipais de 12 de abril de 1931 volveu ser elixido concelleiro pola Coruña en representación de ORGA, pero trala proclamación da II República foi nomeado ministro de Mariña.
Nas eleccións a Cortes de 28 de xuño de 1931 saíu elixido pola provincia da Coruña. Coa crise de goberno de 13 de outubro, trala que Azaña ocuparía a Presidencia do Goberno, Casares Quiroga foi nomeado ministro de Gobernación. Cargo no que seguirá ata o seu nomeamento como ministro de Xustiza en xuño de 1933. En outubro de 1932 créase o PRG, Partido Republicano Gallego, do que Casares Quiroga será presidente. Trala dimisión de Azaña o 8 de setembro de 1933, Lerroux pasou a ocupar a Presidencia do Goberno e Casares Quiroga deixou o ministerio.
En abril do ano 1934 diversos partidos republicanos de esquerdas forman Izquierda Republicana. O 16 de febreiro de 1936 gañou as eleccións ás Cortes a Frente Popular. Ao mando do goberno estará novamente Azaña e Casares pasa a ser ministro de Obras Públicas. Alcalá Zamora, presidente da República, foi destituído o 26 de abril dese ano e foi elixido para o cargo Azaña. Casares Quiroga foi nomeado presidente do Goberno ata que se exiliou en Francia a finais da Guerra Civil Española. Á súa filla Esther Casares estaba en Miño cando estalou a Guerra. Foi detida e pasou unha temporada no cárcere ata que en agosto de 1939 quedou en liberdade vixiada. No ano 1955 o goberno franquista lle permitiu abandonar o país.
Trala ocupación das tropas nazis de parte de Francia, Casares Quiroga viaxa a Inglaterra, aínda que a súa muller e filla, María, permanecen en París. En xullo de 1945 regresa a Paría ata a súa morte o 17 de febreiro de 1950.