Fernando Barcia Veiras, nado en Santiago de Compostela o 24 de agosto de 1885 e finado na mesma cidade o 29 de xaneiro de 1938, foi un mestre e político galego.
Entrou no Seminario, pero abandonouno en 1908 para facer Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela. Exerceu como mestre.
Presidente da Agrupación Socialista de Santiago de Compostela de 1931 a 1938, cando foi asasinado. Foi detido e procesado pola folga xeral revolucionaria de 1934, pero a súa causa foi sobresida a finais de outubro. Foi un dos fundadores en Galicia da Federación Española de Trabajadores de Enseñanza, vencellada á UGT. Presentou con Eligio Núñez e Apolinar Torres o relatorio "Misión de los trabajadores de la enseñanza en el actual momento histórico de la cultura gallega" ao Congreso de Trabajadores de la Enseñanza de Galicia de maio de 1936. Participou nos mitins de propaganda para pedir o SI no referendo do Estatuto de autonomía como o de Ferrol, ou o de Santiago de Compostela.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado Presidente do Comité de Defensa da República de Santiago de Compostela. Foi detido o 21 de xullo e posto en liberdade ao día seguinte a causa dun erro administrativo. Agochouse na casa da súa curmá Dolores Barcia Pérez, foi declarado en rebeldía e cesado de emprego e soldo en agosto. O 15 de xuño de 1937 foi atopado nun rexistro na casa da curmá na Rúa de San Pedro. Posuía unha gran biblioteca, da que durante o rexistro requisan 43 exemplares. Xulgado en Santiago de Compostela por traizón o 23 e 24 de agosto de 1937, foi condenado a pena de morte e executado no cemiterio o 29 de xaneiro de 1938. A súa curmá Dolores, viúva e nai de Juan Ameneiro Barcia, foi detida e pasou varios meses na cadea de Compostela e cando quedou en liberdade o seu fillo Juan foi obrigado a alistarse. Cando Juan desertou do exército franquista, Dolores volveu pasar varios meses na prisión. Fernando Barcia sufriu expediente de responsabilidades políticas e en 1941 o tribunal requiriu aos seus herdeiros para que fixesen efectiva a sanción económica.
2.3 Lugares:
Lugar de nacimiento: Santiago de Compostela Lugar de fallecimiento: Santiago de Compostela España