Emigrou a Cuba onde traballou como xornalista sendo propietario da revista El Industrial (1912). Retornou a Galicia en 1917, onde colaborou para Eco de Galicia e O Tio Marcos d'a Portela e o ano seguinte fai crónicas para a revista Galicia. En maio de 1918 foi elixido presidente da Sociedad de Agricultores de Carracedo. Volveu marchar a Cuba en 1920 e colaborou en Eco de Galicia, Heraldo de Galicia (onde publicou un poema en galego) e España Nueva. Retornou definitivamente a mediados dos anos vinte e instalouse en Ourense onde foi dono dun quiosco-libraría que non vendía prensa de dereitas. Colaborou en La Región e La Zarpa. Na República militou no Partido Republicano Radical Socialista, do que foi elixido bibliotecario da xunta executiva de Ourense. Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido o 8 de outubro "por berros subversivos" e instruíuselle unha información militar que foi sobresida. Simpatizante de Azaña, afiliouse a Izquierda Republicana.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 uns falanxistas queimáronlle o quiosco, agochouse pero foi detido 13 de xaneiro de 1937, acusado de "significado comunista y elemento de enlace del Socorro Rojo Internacional". Ingresou en prisión o 27 de xaneiro e abríronlle expediente de incautación de bens. Pasou polas cadeas de Celanova, Cumial, Oseira, Valladolid e Padrón e saíu en liberdade provisional en 1941.