Naceu no seo dunha familia modesta ferrolá: o pai, Francisco Iglesias Castrillón, era mestre da Banda de Cornetas do Batallón de Artillería de Ferrol; a nai era María Manuela Brage Ramos. Despois de estudar na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal, en 1918 ingresou na Academia de Enxeñeiros de Guadalajara. Rematou os seus estudos co emprego de tenente en 1923, sendo destinado á Comandancia de Enxeñeiros de Ceuta, onde prestou servizos de fortificacións.
A vocación aeronáutica de Iglesias naceu de neno, cando en maio de 1913, en Ferrol, asistiu a unha exhibición aérea durante a botadura do acoirazado Alfonso XIII. En febreiro de 1925 asistiu, no aeródromo madrileño de Catro Ventos, ao Curso de Observador de Aeroplano. Un ano despois, formando parte da Comisión Xeográfica de Marrocos. Colaborou na confección do mapa topográfico do territorio e realizou varias misións militares.
Ao volver de África, en 1926, continuou o curso de piloto. No 1927 obtivo o grado de capitán e, tras realizar varios cursos, obtivo o cargo de inspector de fabricación en Construcciones Aeronáuticas, S.A.
Nese mesmo ano, o capitán Ignacio Jiménez Martín, destacado piloto e posuidor de varios records nacionais de duración e distancia, ofreceulle o posto de copiloto nunha expedición que estaba a preparar. Iglesias aceptou de moi bo grao e comezaron a preparar a viaxe. Desde o primeiro momento pensaron dirixirse á Habana, pero como a superioridade non lles autorizaba a cruzar o Atlántico nun avión terrestre, pero si a dirixirse cara a Oriente. Tras preparar a ruta á India, en maio de 1928, partían con avión “Jesús do Gran Poder” cara a Oriente a expedición rematou por unha avaría do motor no deserto de Mesopotamia, onde permaneceron prisioneiros dos beduínos ata ser rescatados polos ingleses.
Ao seu regreso a España, no outono de 1928, Iglesias dedicouse a preparación dunha nova viaxe, que consistía na travesía do Atlántico en voo directo desde España ata América, para tentar novamente bater o record de distancia sen escalas e percorrer despois todos os países de fala hispana. O 24 de marzo de 1929,Iglesias e Jiménez realizaron unha das maiores proezas da aviación española. Tiveron que aterrar en Baía por falta de combustible a tan só 638 quilómetros de bater a marca mundial de distancia. Posteriormente, iniciaron un amplo percorrido pola América Hispana. Por este voo concedéuselles a ambos tripulantes varios recoñecementos.
En 1930 Iglesias Brage planeaba unha nova aventura: unha expedición para explorar a conca do Alto Amazonas. Presentou en Madrid o seu “Anteproxecto dunha viaxe de exploración científica polo Alto Amazonas”. Un decreto de agosto de 1932 creou o Padroado da Expedición Iglesias ao Amazonas, con orzamento da Facenda Pública, e dirixido polo Ministerio de Instrución Pública. Nomeouse secretario técnico do citado organismo ao capitán Iglesias, figurando entre os seus membros científicos, como Gregorio Marañón, Ramón Menéndez Pidal ou José Ortega e Gasset.
Para poder realizar a expedición construíuse o primeiro barco con propulsión eléctrica en España, o Ártabro. Ademais do buque, a expedición debía contar con avións para traballos de fotografía aérea, necesarios para a elaboración do mapa cartográfico. Iglesias equipou ás distintas seccións que ían constituírse para a expedición do material necesario, ben por compra ou ben por cesión das institucións españolas que ían participar na exploración. Finalmente, o Goberno disolveu o padroado en 1936, dando por finalizada a expedición. As causas poden atoparse na inestabilidade política e económica que vivía o país e nas discrepancias entre os membros da expedición.
No curso da preparación da expedición ao Amazonas, o 26 de maio de 1933, Iglesias foi designado polo Ministerio de Estado delegado español na Administración do territorio de Leticia que estaba en litixio entre Perú e Colombia. A comisión estaba formada por tres comisionados (Estados Unidos, Brasil e España) e un secretario xeral (Cuba). Acompañado polos membros da comisión, fíxose cargo daqueles territorios, como comisionado encargado da orde e a seguridade. Desempeñou tamén de xeito rotativo a presidencia da comisión. En marzo de 1934, por discrepancias, presentou a súa renuncia ante a Sociedade de Nacións.
Ao iniciarse a Guerra Civil Española de 1936 incorporouse no bando franquista. Ascendeu a comandante en marzo de 1937 e obtivo o cargo de xefe do Estado Maior das Forzas Aéreas para as operacións do Norte.
Ao crearse o Ministerio do Aire en 1939, foi nomeado secretario xeral técnico do devandito departamento. Fíxose enxeñeiro aeronáutico e compaxinou varios cargos. En 1945 cesou en todos eles e foi nomeado xefe de obras do sector aéreo de Galicia. Durante o seu mandato promoveu a construción da rede de aeródromos galegos e sentou as bases das comunicacións aéreas de Galicia.
Co grado de Coronel, en 1947 foi destinado á Dirección Xeral de Aeroportos ata que, seis anos máis tarde, pasou á Compañía Aérea Iberia como subdirector e xefe de material onde permaneceu ata o seu retiro, en 1964. Tamén foi presidente do Consello de Administración de Talleres Aeronáuticos de Barajas.
Pasou os últimos anos da súa vida no seu pazo da Toixeriña, ata 1973, ano en que faleceu en Madrid.
2.3 Lugares:
Lugar de nacimiento: Ferrol Lugar de fallecimiento: Madrid
2.5 Funciones, ocupaciones y actividades:
Actividad:
Enxeñeiro militar, piloto e xestor de servizos aeronáuticos