Sección Naval del Frente de Juventudes (España, 1937-1983)
2. Área de descripción
2.2 Historia/Descripción:
1. HISTORIA E DEPENDENCIA ORGÁNICA:
A Sección Naval da Fronte de Xuventudes ten o seu antecedente durante a Guerra Civil, momento no que xorden escolas de frechas navais ao abeiro dos movementos asociativos xuvenís que apareceron na Europa de entreguerras.
Nacen a imitación de organizacións similares de adultos, neste caso para formar politicamente a mocidade española nos principios do Movemento e encamiñar as súas afeccións cara ao servizo militar na Mariña ou a actividades náutico-pesqueiras.
A Lei do 14 de decembro de 1940 establece a Sección Naval da Fronte de Xuventudes, para a formación, dentro do espírito do Movemento, dos mozos que realizarán o servizo militar na Mariña ou que prevexan adicarse a profesións naútico pesqueiras.
Nace cunha dobre dependencia: por unha banda, da Secretaría Xeral do Movemento, a través do delegado nacional da Xuventude; e do Ministerio de Mariña, mediante a figura do inspector naval, para todo o relativo a aspectos militares.
A súa estrutura mantívose practicamente inalterada ao longo do tempo. O primeiro cambio significativo arranca do Decreto 2485/1970 e da Orde do 18 de novembro, dese mesmo ano, disposicións emitidas pola Secretaría Xeral do Movemento nas que se establece a dependencia da Sección Naval e da Sección de Formación da Delegación Nacional da Xuventude, e non directamente do delegado nacional como indicaba a súa lei de fundación.
En 1977 comeza a desmantelarse a institución. Trátase dun longo e complexo proceso que non rematará ata mediados do ano 1983. Son anos cheos de vicisitudes e indeterminacións no relativo a qué organismos oficiais tiñan que facerse cargo da Sección Naval.
Non imos entrar polo miúdo na súa evolución nesta época; só indicaremos que trala creación da Subsecretaría de Familia, Xuventude e Deporte e da Comisión de Transferencias da Administración do Movemento (por Real Decreto 596/1977), como órganos dependentes do Ministerio da Presidencia, esta última faise cargo da Sección Naval, ata que o Consello de Ministros acorda, o 30 de decembro dese ano, o traspaso de bens da Delegación Nacional da Xuventude ao Ministerio de Cultura. A partir de aquí, a situación é de extrema confusión, xa que parece que este ministerio se fixo cargo dos inmobles pero non das funcións.
A Sección Naval continuou existindo cun carácter bastante independente, ata que nunha data próxima á súa desaparición foi asumida polo Ministerio de Agricultura, ao que foran transferidas as competencias en materia de formación profesional náutico-pesqueira (Real decreto 1997 /1980); competencias que finalmente asumiron os órganos correspondentes das comunidades autónomas .
Nesta etapa acontece o peche da maioría das escolas dependentes da Sección Naval, entre outros motivos debido a que a situación de indefinición que acabamos de relatar ocasionou un duro golpe ás súas finanzas. Así, ao desaparecer a Delegación Nacional da Xuventude, eliminouse tamén o seu principal soporte económico, que non foi substituído polo doutro órgano dun xeito oficial e regulamentado pois, o Ministerio de Cultura rexeitou en diversas ocasións facerse cargo desta organización, así sobreviviu coas subvencións que lle concedía o Ministerio de Traballo para a celebración dos cursos e con aqueloutras que puidesen conseguir.
Como diciamos anteriormente, a súa estrutura mantívose inalterada ao longo da súa existencia. No ámbito central as principais figuras son:
- Inspector naval, para a inspección da disciplina e educación premariñeira.
- Delegado central, á fronte da Sección Naval
- Xefe do Servizo Central de Formación e Actividades Náuticas
- Xefe do Servizo Central Prenaval Militar
- Secretario, para a xestión administrativa, de persoal e asuntos xerais
- Administrador, á fronte da Tesouraría, asuntos económicos, contabilidade, intendencia, patrimonio, etc.
A nivel periférico, aínda que non deixaron pegadas na documentación, destacan as figuras dos delegados comarcais e os locais, nomeados polo delegado central para a fiscalización administrativa de escolas e “trozos”. Por debaixo existirían as diferentes escolas e “trozos” dependentes da Sección Naval.
As funcións da Sección Naval eran as de proporcionar educación prenaval militar e náutico-pesqueira aos mozos que ingresasen nela. Tamén, en determinados casos, imparte clases de formación primaria nas escolas que así o teñan concedido, mediante padroados instituídos pola Delegación Nacional da Xuventude. Nun primeiro momento imparten a formación dun xeito non oficial, de forma que os seus alumnos precisan realizar un exame de ingreso por libre nas escolas oficiais para optar a títulos con validez. Coa Lei 144/1961, do 23 de decembro, sobre reorganización do ensino náutico e pesqueiro, prodúcese un importante avance, xa que a Sección Naval ten a posibilidade de optar ao recoñecemento pola Subsecretaría de Pesca e Mariña Mercante, o que lle outorga a posibilidade de expedir certificados e títulos con validez oficial. Este recoñecemento vincularaas á escola oficial de náutica ou de formación profesional náutico-pesqueira da súa demarcación.