Biólogo, catedrático e cineasta español. Licenciouse en Bioloxía na Universidade Central de Madrid en 1932. Entrou en contacto co cinema ao proporcionarlle a Luis Buñuel as formigas vermellas que necesitaba para a rodaxe de "Un perro andaluz". Fundou en 1933, o cineclub da Federación Universitaria Escolar (FUE). En 1934 realizou o seu primeiro documental titulado "Almadrabas". Ao comezo da Guerra Civil atopábase en Segovia e acabou recalando en Marrocos. Finalizada a contenda, exiliouse en Francia en 1939 e estivo retido no Campo de refuxiados de Saint Cyprien. Desde alí marchouse ao exilio a México, Neste pais colaborou co Comité Técnico de Axuda aos Republicanos Españois (CTARE) ocupando a dirección da Secretaria Xeral e, posteriormente, dedicouse á docencia. Participou en diversas actividades alentadas polos exiliados. Foi, en 1949, un dos socios fundadores do Ateneo Español de México. Identificado coa causa galeguista, foi un dos fundadores en 1953 do Padroado da Cultura Galega (no cal se sumará á liña máis radical representada por Luis Soto) e en 1958 alentou, sendo presidente do Padroado, a aparición da revista Vieiros que integrou tamén a Florencio Delgado Gurriarán, Luis Soto e Elixio Rodríguez. Antes, en 1956, enviara ao Primeiro Congreso da Emigración de Buenos Aires a súa proposta para a creación dun Centro Cinematográfico Gallego. En 1956 dirixiu a súa primeira longametraxe, Torero e finalmente chegou a ser unha das figuras crave do cinema mexicano dos anos sesenta e setenta do século XX.