Naceu no Castro de Elviña (A Coruña) sobre o ano 1885. casou con Carmen López Corgo e residiu en San Roque de Fóra primeiro, na rúa do Orzán, 108-2º e na de La Torre, 136. Tiveron cinco fillos: un deles deputado nacional Emilio González López
Traballou de mariñeiro, botero, tipógrafo, libreiro, carpinteiro, empregado de Aduanas e da compañía Transatlántica. Foi tamén presidente do Ateneo Obreiro coruñés e estivo afiliado á entidade de Estudos Sociais “Germinal”. Librepensador, anticlerical e gran lector.
Nos últimos tempos da Segunda República logrou o posto de traballo de conserxe do Servizo Antituberculoso, na Inspección Provincial de Sanidade e en outubro de 1933 desempeñaba a presidencia, no Distrito terceiro, da Coruña, do Partido Republicano Gallego.
Antonio foi procesado na Causa 566/38, acusado de rebelión militar e de pertencer ao sindicato de Industria do Transporte, da CNT, e condenado por sentenza do 16 de novembro de 1938 do consello de guerra ordinario de Praza celebrado na Coruña, polo delito de adhesión e auxilio á rebelión, á pena de reclusión perpetua e accesorias correspondentes.
No mes de outubro de 1939 atopábase recluído na Prisión Provincial da Coruña, e uns meses máis tarde foi sancionado polo Tribunal Rexional de Responsabilidades Políticas, con data 22 de xuño de 1940, con 500 pesetas (sentenza 249/940). Tamén foi decretada a súa depuración laboral con suspensión de emprego e soldo na Inspección Provincial de Sanidade o mes de agosto de 1937, instruíndolle un expediente para ver se a sanción facíase definitiva. Un dos seus fillos, Emilio, deputado nacional por Esquerda Republicana, exiliouse despois da guerra en EE.UU. Outro, Antonio, foi paseado. Outro máis, Fernando, atopábase en 1940 en ignorado paradoiro, e o marido da súa filla Peregrina estaba preso na mesma cárcere que Antonio, cumprindo tamén condena.
Antonio González Doldán faleceu aos 66 anos na Coruña o 30 de maio de 1950.
2.3 Lugares:
Lugar de nacimiento: A Coruña Lugar de fallecimiento: A Coruña España. Residencia, sede: A Coruña