Realizou estudos universitarios na Universidade de Valladolid, onde se licenciou en Dereito, pasando a exercer como avogado no Barco de Valdeorras. En 1933 ingresou no Partido Galeguista. Tras estalar a Guerra Civil, logrou escapar da represión iniciada na comarca de Valdeorras polos sublevados en xullo de 1936, ata alcanzar O Porto, en Portugal, desde onde puido trasladarse a Bordeus (Francia) para chegar á Barcelona republicana en xaneiro de 1938.
Nese mesmo ano accedeu á executiva do Partido Galeguista como Secretario de Propaganda. Tras finalizar a Guerra Civil marchou a Francia desde onde partiu ao exilio en México, país no que se estableceu definitivamente. Nel, converteuse nunha figura destacada do exilio galego, dirixindo as revistas Saudade e Vieiros, a cal fundara xunto a Luis Soto e Carlos Velo. Fundou tamén o Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia en México.