Foro outorgado por Mariña de Parada a Gonzalo de Melón, do lugar de Parada do Conde, que ten do mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, coa condición de cumprir coas súas obrigas co dito mosteiro, e pagarlle a ela [dúas] fanegas e media de pan durante a súa vida
O mosteiro de Xunqueira de Espadanedo foi fundado no século XII sobre outro cenobio anterior baixo a advocación de San Xián. Cara ao ano 1207 incorporouse á orde do Císter adoptando daquela a advocación de Santa María. Este mosteiro non foi dos máis ricos de Galicia pero aínda así tivo propiedades nas zonas de Monterrei, O Pereiro de Aguiar e Castro Caldelas. Desde 1425 pasa a depender de Santa María de Montederramo polo que os superiores de Espadanedo deixan de ser abades e convértense en priores. Coa súa incorporación á Congregación de Castela no ano 1546, Xunqueira de Espadanedo recupera a categoría de abadía e refórmase, vivindo desde entón a súa época de maior esplendor. Trala Desamortización do século XIX a súa igrexa pasou a ser parroquial e parte das dependencias do mosteiro foron empregadas polo concello e por particulares para diferentes usos.
Historia arquivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.