Aínda que existen evidencias de que o territorio no que se asenta o actual concello de Muros estivo
poboado dende a Prehistoria, as orixes da Vila parecen remontarse ao século XIII. En 1286 o rei Sancho IV de Castela e León outorgou un foro a un territorio denominado “Puebla del Muro”,
situado entre O Ézaro e a actual Ponte Nafonso, co fin de engrandecela e axudala. Este documento
non se conserva pero coñecemos o seu contido por confirmacións posteriores, realizadas polos Reis
Católicos e Felipe II.
A Carta de Privilexio e Confirmación dada por Felipe II en 1571 aporta datos interesantes sobre a
súa historia. Dende a súa fundación foi unha vila de realengo, posto que dependía directamente da
monarquía. No ano 1299, pasa a depender do bispado de Santiago por concesión de Fernando IV.
Tamén se mencionan aos Reis Católicos, que contribuíron xunto con Diego de Muros III a que o
Papa Alejandro VI lle concedera, por medio dunha Bula en 1501, o privilexio de converter a súa
igrexa en Colexiata, o que lle permitiría unha certa autonomía con respecto á Sede Compostelá.
A Vila orixinaria situábase nun territorio que se correspondía coa parte sur da actual. Co paso do
tempo, foi expandíndose e en 1520 construíuse unha muralla que dividía á poboación en dous
barrios: o da Cerca e o da Xesta. Estaba gobernada polo Concejo que se reunía no atrio da actual
igrexa de San Pedro.
A existencia de construcións defensivas coma as murallas, o Castelo, construído polo marqués de
Cerralbo a finais do século XVI ou o Forte de Monte Louro, non impediron os conflitos bélicos.
En 1544, a Armada Española, ao mando do almirante D. Álvaro de Bazán derrotou á escuadra
francesa na batalla de Muros. O resultado da batalla foi diferente en marzo de 1809. Durante a
Guerra da Independencia as tropas napoleónicas arrasaron a vila, destruiron casas e perdeuse grande
parte da documentación histórica do Arquivo Municipal que foi pasto das lapas.
A pesares desta enorme perda patrimonial, na actualidade o Arquivo custodia documentos dun valor
histórico incalculable. Destaca a serie de Actas Capitulares do Concello/ Rexemento, que se
conservan de forma case ininterrompida dende 1560 ata a actualidade. Son fundamentais para
coñecer a estrutura político- administrativa do municipio, o seu propio goberno, as necesidades da
poboación…, e en definitiva, constitúen unha fonte de consulta obrigada á hora de investigar sobre
historia local.
Outra serie importante é a formada polos Padróns de Habitantes, que se inicia en 1767 e continúa
ata a actualidade. Os primeiros, do século XVIII, refírense a milicias ou ben a cédulas. A partires de
1819, xa aparecen Padróns coa mesma estrutura que os actuais. Cabe destacar a presenza dalgúns,
anteriores a 1835, de parroquias que estaban baixo a xurisdición muradana e actualmente
pertencen a outros concellos como Carnota ou Outes.
En canto á documentación de carácter económico, consérvase copia do Interrogatorio feito pola Vila
en 1753, que forma parte do Catastro de Ensenada e documentos relacionados coa pesca e co
comercio, coma o Título de Oficios e Rendas de Cestería para a Sardiña e do Peso Maior de 1617 e
o Privilexio da Feira de Muros de 1780.
Por último, sinalar a presenza de documentos de dúas institucións asistenciais coas que colaboraba
o Concello: o Hospital de Pobres e o Hospital de Lázaros.
Historia arquivística
A creación do Arquivo sería simultánea á creación do “Concejo”. Sabemos que parte da súa
documentación foi destruída durante a invasión napoleónica.
Na actualidade sitúase nun edificio situado no Curro da Praza n.º 1, construído en 1959, no terreo
onde se emprazaba o antigo Consistorio.
Nos anos 1980s leváronse a cabo tarefas de descrición e organización do fondo histórico. En 1993
creouse unha praza de Arquiveiro- Bibliotecario, ocupada dende entón por Da. Josefa Fernández
Fernández.
A finais desta década a documentación sufriu as consecuencias dunha inundación, co conseguinte
deterioro de parte da documentación.
En 2018, con fondos propios, contratouse a unha empresa para organizar, e describir parte da
documentación producida polo departamento de Urbanismo. E tamén, froito da colaboración coa
Xunta de Galicia, conseguiuse realizar parte do Inventario das series que constitúen o fondo.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia