Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense
Data de creación
1844-01-01 / 1965-12-31. 1844 a 1965
Data de acumulación
1844-01-01 / 1965-12-31. 1844 a 1965
Nivel de descrición
Fondo
Volume e soporte da unidade de descrición
1 Unidade(s) de instalación
Historia e alcance
Historia institucional/Reseña biográfica
Un dos problemas derivados do proceso de exclaustración e desamortización das ordes relixiosas, iniciado nos anos trinta do século XIX, foi a necesidade de garantir a protección e a conservación do patrimonio documental e histórico-artístico afectado por dito proceso. Para remediar o seu estado de abandono e destrución e frear a pillaxe ao que se vía sometido, púxose en funcionamento un aparato administrativo ad hoc que recoñecese e vixiase a súa conservación; o elo no ámbito provincial de dito aparato constituírono as Comisiones Provinciales de Monumentos Históricos y Artísticos, creadas pola Real Orden de 13 de junio de 1844. [1] No momento da súa creación, estas corporacións foron adscritas ao Ministerio da Gobernación, e posteriormente ao de Fomento, coordinándose o seu funcionamento a través dunha Comisión Central presidida polo ministro do ramo. En virtude da Ley de Instrución Pública de 1857, esta función foi transferida ás Reais Academias da Historia e de Belas Artes de San Fernando, das que dependerán as comisións a partir deste momento; o control e coordinación das mesmas exercerase a través dunha Comisión Mixta de ambas academias. [2] Dende aquela, as comisións representarán a ditas academias no ámbito provincial e os membros daquelas, cuxo número foi variable ao longo da súa vida, serán académicos correspondentes destas. Era obriga de todas as autoridades públicas, en particular dos alcaldes, auxiliar ás comisións e proporcionarlles a información que requiriesen para levar a cabo os seus cometidos.
As Comisións Provinciais de Monumentos estaban divididas en tres seccións (Bibliotecas-Arquivos, Esculturas-Pinturas, Arqueoloxía-Arquitectura) e entre as súas atribucións estaban as de fundar e xestionar arquivos, bibliotecas e museos provinciais que se fixesen cargo da organización e custodia dos bens mobles do patrimonio cultural desamortizado. [3] Por outra banda, encomendóuselles a realización do inventario dos edificios, monumentos e antigüidades que merecían conservarse, a recuperación e reunión do patrimonio documental e artístico pertencente ao Estado, así como a dirección de escavacións arqueolóxicas. A partir destas actividades deberían elaborar os informes pertinentes, ademais de traballos académicos e de investigación que haberían de remitir aos órganos superiores.
A súa labor foi desigual no tempo e no espazo; e parece que, en xeral, se caracterizaron por unha escasa efectividade nos seus primeiros anos de andadura. A comisión ourensá tamén tivo os seus altibaixos, pero foi modélica en varios momentos da súa historia. Así, nos seus inicios, e grazas ao empeño dalgún dos seus compoñentes, como Bonifacio Ruiz, ex-abade de Celanova, conseguíu reunir 12.000 libros e 128 lenzos procedentes de distintos conventos e mosteiros da provincia, para fundar en 1845 a Biblioteca provincial e un Museo de Pinturas. Dende finais dos anos 60 desa centuria, decae a súa actividade, pero a partir dos 80 retoma o ritmo, para iniciar unha etapa de esplendor que se prolonga ata os anos trinta do século XX. Integrárona durante este período algúns dos eruditos máis destacados da cidade (Marcelo Macías, Benito Fernández Alonso, Arturo Vázquez Núñez, Antonio Rey Soto, Florentino López Alonso-Cuevillas, etc.). É, daquela, unha referencia para o mundo cultural galego, ata o punto de que nas súas tertulias se forman intelectualmente membros principais da xeración Nós, como Risco, Otero Pedrayo ou Cuevillas. [4]
Durante esta etapa, presidida pola figura de Marcelo Macías, créase o Museo Arqueolóxico (1895), para reunir as pezas artísticas e arqueolóxicas procedentes do desaparecido Museo de Pinturas. Cunha moderna concepción museística, procúrase dar a maior divulgación posible á actividade do Museo, para o que se funda o “Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense”, unha publicación trimestral de considerable calidade para o momento, na que ven a luz estudos históricos de corte positivista relacionados co patrimonio cultural da provincia.
Pese á súa precariedade económica, a labor da Comisión ao longo deste período é incesante: denuncia o abandono de monumentos para evitar a súa perda, asesora a particulares e, sobre todo, tramita a declaración de Monumento Nacional dalgunhas das xoias artísticas da provincia, co fin de salvalas dunha inminente destrución (vg.: mosteiros de S. Salvador de Celanova, S. Pedro de Rocas, Sta. María a Real de Oseira, S. Estevo de Ribas de Sil, claustro de S. Francisco de Ourense, Sta. Comba de Bande, etc.).
A Ley de 13 de mayo de 1933, del Tesoro Artístico Nacional, estableceu (art. 12) que as Comisións Provinciais de Monumentos foran sustituidas polas Juntas Locales del Tesoro Artístico naquelas provincias onde estas foran creadas. En Ourense pervivíu a Comisión Provincial de Monumentos, aínda que a súa actividade decaeu despois da Guerra Civil (1936-1939); momento no que algúns dos seus membros se vinculan ao grupo de traballo “Marcelo Macías” de colaboradores do Museo Arqueolóxico (1941), que nalgúns aspectos recolle a testemuña da Comisión. O Boletín publícase ata o ano 1960, e o documento máis recente dos conservados data do ano 1965 polo que hai que entender que nesta data a Comisión aínda non se disolvera. [5] Nesta última etapa da vida da Comisión, hai que destacar a labor de Xesús Ferro Couselo, de Xaquín Lorenzo Fernández ou de Xesús Taboada Chivite, entre outros.
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: No existen copias
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia