A primeira proba documental que se conserva da existencia de Santa María de Aciveiro data do século XII e fai referencia á súa pertenza á orde de San Bieito. O mosteiro puido deber a súa fundación a unha petición do rei Afonso VII, que foi un dos seus maiores benfeitores e lle concedeu a plena xurisdición sobre todos os seus dominios. Non se sabe con certeza cando pasou a formar parte da orde do Císter aínda que isto non debeu acontecer ata o ano 1225 ou ata o século XVI, segundo afirman outros historiadores. Ao longo da súa historia o mosteiro de Aciveiro acadou un importante patrimonio nas comarcas de Montes, Tabeirós, Deza e Ribeiro de Avia pero tamén fóra de Galicia, nas antigas provincias de León e Zamora. Desta riqueza dan mostra os numerosos preitos aos que fixeron fronte os monxes para defender as súas posesións durante toda a Idade Media. Así os relixiosos de Aciveiro enfrontáronse aos monxes de Santa María de Melón e ao arcebispo de Santiago de Compostela, entre outros, pola defensa dos seus bens e privilexios. O mosteiro de Aciveiro mantivo, xunto co de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, un Colexio de Teoloxía e Moral. No Baixo Medievo, Aciveiro coñeceu unha profunda crise e finalmente, nunha bula de 1505, confirmouse a supresión do cenobio, que foi incorporado á Congregación de Castela en 1518. En 1649 a biblioteca e o arquivo do cenobio sufriron un incendio e coa chegada dos franceses en 1809 o mosteiro volveu ser pasto do lume. Trala Desamortización do século XIX os monxes foron exclaustrados e a igrexa de Santa María pasou a ser parroquial.
Historia arquivística
Este fondo ingresou no arquivo procedente da Delegación de Facenda en 1943. Forma parte dos documentos fundacionais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e procede das institucións relixiosas desamortizadas no século XIX. Trala Desamortización os arquivos das institucións relixiosas ingresaron no Arquivo Histórico Nacional pero unha boa parte dos fondos monásticos ourensáns permaneceu nas dependencias provinciais de Facenda e pasou a constituír a documentación fundacional do arquivo.
Condicións de acceso
Características físicas
Material no que se rexistra a información:
Papel
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia