A casa de comercio Bengoechea de Ribadeo, dedicada á actividade comercial, navieira e bancaria foi fundada polo vizcaíno Francisco Antonio de Bengoechea, a principios do século XIX, se ben non se conserva ningún documento ata o ano 1820.
Tras a morte do fundador, en 1868, e segundo a súa disposición testamentaria, herdará a empresa o que ata ese momento fora o seu administrador José María Martínez Marzo, coa condición de que engada o Bengoechea ao seu apelido. A partir da morte de José María, no ano 1890, a empresa aparecerá nomeada como “Viúva e fillo de José María Martínez Bengoechea”. Despois do falecemento de Juliana González Santamarina (8 de marzo de 1900) e do seu fillo Francisco Martínez-Bengoechea y González (3 de novembro de 1900) divídese a herdanza, cumprindo a vontade testamentaria deste último, entre o seu administrador, Bonifacio Torres de la Calle, e os seus primos Ramón Bustelo González e Godofredo Álvarez-Cascos González.
A partir de entonces e ata 1935 a empresa figurará nos documentos como“Sucesores de Francisco Martínez Bengoechea y González” a pesar dos pequenos cambios introducidos nas denominacións oficiais das sucesivas sociedades. Así, en 1903 constitúese a sociedade mercantil regular colectiva denominada “Torres, Bustelo y Álvarez Cascos, como sucesores de Francisco Martínez Bengoechea y González” que se disolverá en 1927, trás o falecemento de Godofredo Álvarez-Cascos para constituir unha nova denominada “Torres, Bustelo y Compañía, como sucesores de Francisco Martínez Bengoechea y González” na que participarán a súa viúva e fillos. O falecemento de Bonifacio Torres, en 1934 determinará a disolución desta sociedade e a constitución por parte de Ramón Bustelo, en xullo de 1935, da empresa denominada Sucesor de Francisco Martínez Bengoechea y González.
O fondo abarca un período cronolóxico entre os anos 1820 e 1952 e está formado por documentos que reflicten a xestión empresarial da casa de banca e comercio, a xestión do patrimonio familiar e outras funcións e actividades de carácter persoal desenvolvidas por diferentes membros da familia.
Historia arquivística
O arquivo foi recollido en Ribadeo e trasladado a Santiago de Compostela, á sede do Arquivo de Galicia con datas 8 e 9 de abril de 2010.
Na casa da rúa Amando Pérez de Ribadeo o arquivo e a biblioteca ocupaban dúas amplas salas da planta baixa ao final do corredor ou vestíbulo de entrada. Na parte esquerda achábase a sección empresarial; na dereita, a patrimonial. Nesta última, de maior amplitude, situaríanse as oficinas da casa de banca e comercial que rexentaba a familia, a xulgar polo mobiliario e a caixa forte situada nun recanto da sala.
Na sala esquerda, os documentos e os libros instalábanse en armarios dotados de portas acristaladas situados ao longo das dúas paredes máis longas. Na sala da dereita, os documentos de arquivo e os libros dispúñanse ao longo dunha das paredes máis longas. A maior parte dos documentos achábase en tres armarios. Cada un deles contaba con dous corpos en altura. Os de enriba descubrían tralas portas dobres de madeira tres columnas de cinco filas de caixóns. Estes rotulábanse con cartelas que daban conta dunha organización xeográfica dos documentos, á maneira en que se facía nos antigos arquivos monacais (Provincia de Lugo, Ayuntamiento de Meira, parroquia de Meira) ou, tamén, cos nomes dos tipos que dan nome ás series documentais (Listas cobratorias, Apeos y Prorrateos, Poderes).
Os impresos situábanse nun armario de madeira dividido en tres corpos verticais. No corpo central, arriba, gravada en releve sobre a madeira, figura a seguinte lenda: “Martínez-Bengoechea”.
Os documentos e os libros atopáronse, en xeral, en bo estado de conservación. Por outra parte, semella que a integridade do conxunto é boa, especialmente na parte empresarial, aínda que non tanto na patrimonial, dado que no local onde esta se gardaba apareceron moitos estantes e caixóns baleiros.
Alcance e contido
Podemos diferenciar no arquivo tres partes. Por un lado, os documentos correspondentes á xestión empresarial da casa de banca e comercial. Por outro, os correspondentes á xestión do patrimonio familiar e, finalmente, os de carácter persoal. Denominaremos á primeira agrupación sección empresarial, á segunda sección patrimonial e á terceira arquivos persoais.
O arquivo empresarial, que constitúe a parte máis voluminosa do fondo, abarca un período cronolóxico comprendido entre os anos 1820 e o ano 1952. As series máis destacadas son, por unha parte, as relacionadas coa contabilidade da empresa (balances, cartas de pago, dietarios, libros copiadores de letras, facturas, recibos, libros rexistro de cotización de valores...) e, de forma especial, os libros diarios e maiores de contas. Por outra, as relacionadas coa comunicación entre provedores e clientes. Neste sentido destacamos as series de correspondencia e de libros copiadores de cartas. Esta última con continuidade desde 1827 ata 1923.
No arquivo patrimonial quedan integrados, como queda dito, os documentos procedentes do vínculo de Uría e do morgado denominado as veces “Casa de Montenegro”, de Castropol. Por esta razón, os documentos máis antigos, aínda que non moi abundantes, son do século XV (1494). Xa máis representados estarán os séculos seguintes desde o XVI, e sobre todo o XIX e XX. A documentación máis abundante é a que se refire aos títulos e a administración da propiedade. No primeiro apartado poderíamos destacar apeos, escrituras de aceptación de herdanzas, escrituras de compravenda, de arrendamento, de foro, de cambios, de partilla, testamentos, preitos, executorias... Entre os documentos de administración da propiedade atopamos libros e listas cobratorias de rendas, contas, cartas de pago, prorrateos... Distinguimos tamén unha sección de documentos persoais, que inclúe: certificados de bautismo, casamento e defunción, títulos académicos, diplomas, cadernos de notas, correspondencia ... Neste ámbito podemos mencionar a condición de deputados tanto de Francisco Martínez-Bengoechea y González, primeiro, como do seu primo Ramón Bustelo, máis tarde, ambos nas filas do Partido Liberal (facción de Segismundo Moret). Desta actividade quedará algún testemuño no arquivo (propostas de candidatos a deputados a cortes, listas de electores, certificados de tomas de posesión como deputados, correspondencia política...) e tamén nos títulos que forman parte dos impresos da biblioteca, na que as materias relacionada co dereito e a economía son predominantes.
Como nota curiosa, podemos destacar a correspondencia relacionada coa defensa do trazado do ferrocarril Gijón – Ferrol a través dunha ponte que unise Ribadeo e Castropol, levada a cabo por Ramón Bustelo e o seu xenro Leopoldo Calvo Sotelo nos anos trinta do século pasado. O proxecto da liña de ferrocarril xurde xa en 1898 coa idea de unir a fábrica de canóns de Trubia e o arsenal de Ferrol, no contexto da guerra de independencia cubana, e foron os seus autores precisamente os enxeñeiros Alfredo e Godofredo Álvarez - Cascos. No proxecto contemplábase a construción da Ponte dos Santos, que conectaría Asturias e Galicia por estrada e ferrocarril. A ponte deste mesmo nome será construída recentemente só para estrada, mentres que a liña do ferrocarril, que foi rematado no ano 1972, seguiu outro proxecto de 1914 bordeando a ría ata as proximidades de Vegadeo. Na biblioteca atopamos tamén libros relacionados co ferrocarril, entre eles o publicado en Luarca en 1905, da autoría de Álvarez Cascos, Ferrocarril de Ferrol a Gijón: información recogida sobre el terreno, e coa enxeñería.
Clase de documento:
Textual
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
O acceso aos arquivos e rexistros administrativos é un dereito contemplado pola Constitución Española de 1978 (artigo 105, b). Este dereito, que ten as restricións establecidas na Constitución e nas leis, está regulado con carácter xeral pola Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, do 1 de outubro -no que afecta á documentación administrativa- e pola Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español -no que afecta á documentación histórica. Estas restricións froito dunha busca do equilibrio con outros dereitos protexidos na constitución como os que afectan á seguridade, honor, intimidade da vida privada ou familiar ou imaxe das persoas, os segredos oficiais, ou a propiedade intelectual están reguladas por outras normas legais específicas. O exercicio do dereito de acceso comprende a consulta dos documentos e da información neles contida e a obtención de copias e certificados. Poderán facerse as solicitudes directamente na sala de lectura ou por medio de correo electrónico, correo postal, fax, teléfono ou internet. Por razóns de conservación poderá restrinxirse a consulta de documentos orixinais
Normativa:
Aínda que se trata de documentos de carácter privado, ao estar depositada nun Arquivo de titularidade pública, adquiren a condición de Bens de Interese Cultural (art. 50 da Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia e 60 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Español), pasando a gozar así do réxime de protección establecido nesas normas.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución de documentos está suxeita á Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos
e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Lingua:
Spanish; Castilian
English
French
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: No existen copias
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia