Invitación do alcalde de Ourense, Antonio Álvarez Dopazo, a Carlos Taboada Tundidor á recepción oficial organizada en honor ao presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, con motivo da súa próxima visita a Ourense.
Carlos Taboada Tundidor naceu na cidade de Ourense o 8 de agosto de 1880 e morreu nesta mesma cidade o 26 de abril de 1935. Foi avogado (exercendo profesionalmente a avogacía durante 25 anos en Galicia), comisario de guerra de 1ª clase en situación de reserva, político e escritor. O seu irmán foi Antonio Taboada Tundidor, avogado e político galego, deputado pola provincia de Ourense en distintas lexislaturas.
Estudou Dereito e ingresou na administración militar, da que se retirou como tenente coronel en 1932.
Durante a Segunda República militou en Acción Popular e foi elixido deputado da CEDA pola circunscrición de Ourense nas Eleccións xerais do 19 de novembro de 1933, dándose de alta o 6 de decembro de 1933. Xurou o cargo o 28 de decembro dese mesmo ano e causou baixa o 15 de maio de 1935 a raíz do seu falecemento.
Na súa faceta de escritor escribiu diversas obras xurídicas e científicas, a maioría das cales figuran, en forma de manuscritos, neste fondo: La Castilla Vinícola..., 1902; El ejército y la producción nacional, 1910; Organización de los servicios de Intendencia en el Ejército francés al inicio de la guerra con Prusia, 1910; El reclutamiento en Japón, 1911; Testamento militar, 1912; Las denuncias y querellas delictivas. Apuntes acerca de la mentira como delito, 1930; La igualdad de derechos para los sexos, 1933. Entusiasta da historia recompilou todos os sermóns do pai franciscano Juan Francisco Suárez Parada, así como distintos documentos relativos a distintas comunidades franciscanas da provincia de Ourense, ademais de documentos relativos a algúns mosteiros da provincia ou pazos, como o de Sabariz (San Amaro).
Participou activamente na vida sociocultural ourensana desempeñando cargos en distintas organizacións: vicepresidente da Xunta de Culto e Clero de Ourense, presidente da Acción Católica de Ourense, asesor da Sección feminina de Ourense, contador do Liceo Recreativo Ourensán.
Historia arquivística
Carlos Taboada Tundidor ou os seus herdeiros agruparon a documentación en cartapacios aos que nalgúns casos puxeron títulos, co que se dotou ao fondo de certa organización. Esta organización previa foi alterada ao introducir os documentos en caixas para o seu traslado ao arquivo, xa que nelas se mesturaba a documentación persoal coa documentación de carácter profesional; as Oracións sagradas de Fray Francisco Suárez Parada encontrábanse distribuídas entre todas as caixas, e o mesmo acontecía con algunhas obras de Carlos Tundidor, encontrándose borradores e notas sobre unha mesma publicación situadas en distintas caixas e mesturadas unhas con outras.
Alcance e contido
Inclúe os orixinais recibidos e as minutas das cartas emitidas. Basicamente trátase de correspondencia mantida con e entre distintos integrantes da CEDA, na que se manteñen conversacións relativas á constitución do partido en Ourense, ás afiliacións, á súa visión da situación política na que se atopa a provincia, á visita de Alcalá Zamora, e tamén cartas de recomendación para a obtención de distintos cargos. Son de destacar a correspondencia mantida en relación á preparación da visita de Gil Robles a Ourense así como as felicitacións recibidas pola súa elección como deputado
Clase de documento:
Textual
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
Documentos de libre acceso, agás as restricións contempladas no art. 57.1 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
Os manuscritos orixinais están suxeitos ás cautelas establecidas na lexislación de propiedade intelectual. Toda reprodución devengará o prezo público establecido no Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
Lingua:
Spanish; Castilian
Características físicas
Material no que se rexistra a información:
Papel
Dimensións:
23,0 x 16,7 cm.
Estado de conservación:
Bo
Nota:
Orixinal impreso. Papel de oficio con escudo oficial e cabeceira “Alcaldía constitucional de Orense”, escrito ao recto.
Documentación relacionada
Existencia e localización de orixinais
Localización de orixinais: Consérvanse fondos relacionados no arquivo do Congreso dos Deputados.
Acción Popular, foi un partido constituído ás dúas semanas da proclamación da II República co nome de Acción Nacional, baixo o lema “Religión, familia, Orden, Trabajo y Propiedad” e cunha orientación conservadora e católica cuxa máxima aspiración era a unidade da patria.
No ano 1932, o partido cambiou de nome por causa dun decreto que non permitía o uso do termo "Nacional", pasando a denominarse Acción Popular. Ao devandito partido vinculáronse as Xuventudes de Acción Popular (JAP), como organización xuvenil deste, e Acción Obrerista, como agrupación obreira.
En 1933 Acción Popular intégrase na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA), unha coalición liderada por Gil Robles que aglutina a partidos políticos católicos de dereitas e que acabará converténdose no gran partido de masas da dereita española durante a II República. A CEDA aínda sendo o partido máis votado nas eleccións de novembro de 1933 non conseguiu a forza necesaria para formar goberno, limitándose a soster parlamentariamente aos gobernos do bienio conservador (1934-1936) e a participar nalgún goberno daquel período. Pola súa parte, o partido de Acción Popular, a pesar de estar integrado na CEDA e de constituír o seu núcleo principal, manterá a súa autonomía ata despois do comezo da Guerra Civil Española.