As primeiras noticias existentes acerca da instalación dun cárcere no mosteiro de San Salvador de Celanova datan de tan só dez días despois do inicio da Guerra Civil, cando o xornal La Región publicaba, o 27 de xullo de 1936, a noticia de que no cárcere de partido da vila de Celanova ingresaran 13 mulleres comunistas procedentes da capital, ademais de sinalar que o antigo mosteiro de San Salvador de Celanova fora rehabilitado para acoller a aqueles presos que “non caben” na Prisión Provincial. A partir deste intre a cronoloxía deste novo centro penitenciario estará marcada por tres períodos diferenciados: o primeiro como prisión local, despois como un anexo da Provincial e, por último, como prisión central plenamente autónoma.
Nun primeiro momento a súa función reduciríase a acoller aqueles presos que eran produto das detencións levadas a cabo na comarca e nos seus arredores. Con todo, xa nos primeiros días de agosto este centro transformarase en prisión habilitada, acollendo a aqueles presos que, dado o volume alcanzado pola represión franquista na provincia, non tiñan cabida na Prisión Provincial.
O forte incremento no número de reclusos que experimenta a prisión de Celanova a partir de comezos de 1938 probablemente respondese á intención de cambiar a súa clasificación penal, converténdoa nun centro de reclusión para presos políticos. O cambio prodúcese en maio dese mesmo ano cando o xefe do Servizo Nacional de Prisións notifica ao director da Prisión Provincial o acordo tomado para transformar o Mosteiro de Celanova en Prisión Central. A partir deste intre funcionará como unha prisión plenamente autónoma, que terá como función acoller unicamente a presos políticos, acusados de rebelión militar e xulgados por un tribunal militar, aínda que existe constancia de que nesta prisión tamén tiveron cabida os presos comúns. A ela chegarán presos de distintas procedencias, tanto doutras cidades galegas como de poboacións do norte de España. Na súa transformación como prisión autónoma debeu xogar un papel importante a súa localización, unha pequena vila do interior da provincia de Ourense, na retagarda da zona nacionalista, e o feito de contar cun edificio con capacidade para albergar ata 1500 reclusos. A estas razóns debemos sumar a súa proximidade a Asturias, o Goberno Militar de Oviedo ordenou o traslado duns 4000 presos procedentes de cárceres asturianos durante os seis anos nos que o mosteiro de San Salvador de Celanova actuou como prisión central, co que se contribuía a aliviar a concentración de internos que se estaba producindo nos centros de Xixón e Oviedo.
Con todo, o progresivo descenso do número de reclusos nos primeiros anos da década dos 40 levou a que se decidise o seu peche. O 2 de setembro de 1943 un oficio da Dirección Xeral de Prisións comunica o acordo de proceder ao peche da Prisión Central de Celanova. Os reclusos serán distribuídos entre a Prisión Central de Burgos, a Prisión de Santa Isabel de Santiago, a Prisión Central de Xixón e a Provincial de Ourense.
Desde que, a finais de setembro de 1943, a prisión pechará as súas portas foron varios os usos que se deron a este espazo, na actualidade é a sede do Concello de Celanova, da Policía local, do Instituto de Ensino Secundario de Celanova e de varias institucións culturais e asociacións locais.
Historia arquivística
A Prisión Central de Celanova contaba cun arquivo propio que por mor do seu peche foi transferido ao arquivo da Prisión Provincial de Ourense. No ano 1987, a Prisión Provincial de Ourense trasládase ao novo edificio construído para tal efecto no municipio do Pereiro de Aguiar. A documentación histórica, entre a que se atopaba a da prisión Central de Celanova, quedou no vello presidio, en pleno centro da cidade, o que se comunica ao Arquivo Histórico Provincial para que proceda a súa recollida, efectuándose o traslado dos documentos entre os días 5 e 12 de xuño do devandito ano. No momento no que o AHPOu se fai cargo da documentación, esta atópase amontoada nunha das estancias do vello edificio con indicios de ter sido expurgada e rota a súa orde orixinal. Un ano máis tarde, o 30 de setembro de 1988, ingrésanse restos de fondos da antiga prisión provincial (fichas de reclusos, correspondencia, libros rexistro de entrada de paquetes, incidencias e altas e baixas da prisión) e fondos correspondentes aos cárceres de partido (correspondencia) que ainda se atopaban nas antigas dependencias da Prisión Provincial. Con posterioridade, por mor do ditame da Comisión Cualificadora de Documentos Administrativos do Ministerio do Interior, na súa reunión 2/2002, pola que se ditamina a conservación permanente da serie de expedientes persoais de reclusos, o Arquivo Histórico recibe a solicitude para realizar a transferencia dos expedientes persoais de internos recluídos entre 1930 e 1959 en diversas prisións da provincia, entre as que se atopaba a Prisión Central de Celanova, aínda que os problemas de espazo que neses momentos sofre o Arquivo Histórico Provincial impediron asumir a totalidade da transferencia, podendo só acoller unha parte da mesma. Así, o 3 de novembro de 2009 ingresaron por transferencia os expedientes persoais de reclusos correspondentes ás letras A- B; o 30 de setembro de 2011 ingresarían os expedientes correspondentes aos apelidos das letras B- J e en abril de 2022 ten lugar o ingreso do resto de expedientes que aínda se atopaban no arquivo do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.
Alcance e contido
O fondo documental da Prisión Central de Celanova permitirá aos investigadores coñecer a historia deste centro desde os seus inicios como prisión habilitada, pasando pola súa transformación como prisión central, ata o seu peche en setembro de 1943. Sen dúbida a información relativa á poboación reclusa é a que lles pode ofrecer unha maior diversidade de enfoques, para iso deberán centrarse na sección de Réxime onde se recollen series documentais como os expedientes persoais de reclusos, fichas de ingresos, libros rexistros de penados, relación de altas e baixas, redencións de penas, estatísticas, correspondencia… en definitiva un inmenso caudal de datos que lles permitirá achegarse ás persoas que cumpriron a súa condena neste penal, así como coñecer a súa procedencia. Tamén poderán realizar estudos relacionados coas condicións de vida dos presos, a súa alimentación e saúde, a través da serie de libros diarios de enfermería, encadrada na sección de Servizos Sanitarios, ou da análise de distintas series conservadas nas seccións de Contabilidade e Economato como poden ser as contas de alimentación, de peculio de libre disposición, de medicamentos, de vestiario, de sanidade e hixiene, rexistros de vendas do economato... No referente ao funcionamento do réxime disciplinario da prisión seralles de utilidade a documentación englobada na sección de Dirección a través de series como correspondencia, memoria do estado e do xeral disciplinario da prisión ou os libros de actas da Xunta de Disciplina; esta sección tamén lles permitirá achegarse ao traballo e vida dos funcionarios a través dos rexistros de servizo diario de funcionarios, os partes de substitución, diana e retreta, certificacións e relacións de persoal, etc. Por último, as series conservadas nas seccións de Administración e Economato permitiranlles reconstruír toda a xestión económica do centro penitenciario.
Clase de documento:
Textual
Condicións de acceso
Condicións de acceso
Descrición condicións de acceso:
A difusión das imaxes dixitais deste fondo documental foi autorizada polo titular dos dereitos baixo a licenza: CC BY-NC-ND 4.0 Deed . Atribución-NoComercial-SinDerivadas 4.0 Internacional. Polo tanto,
Vostede é libre de:
• Compartir: copiar e redistribuír o material en calquera medio ou formato
Baixo as seguintes condicións:
• Recoñecemento: Debe recoñecer adecuadamente a autoría, proporcionar un enlace á licenza e indicar se se fixeron cambios.
• Non Comercial: Non pode utilizar o material para unha finalidade comercial.
• SenObraDerivada — Se remestura, transforma ou crea a partir do material, non pode difundir o material modificado.
• Non hai restricións adicionais.
Condicións de reprodución
Condicións de reprodución:
A reprodución está suxeta ao establecido no Decreto 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia así como na Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, a publicación dunha reprodución debe ser autorizada, devengando o prezo público establecido no Decreto 219/2011 (artigo 5). Limítase a reprodución daqueles documentos que se atopen en mal estado de conservación ou non poidan ser obxecto de consulta segundo a normativa de acceso.
Lingua:
Spanish; Castilian
Escritura:
Humanística
Mecanografada
Características físicas
Material no que se rexistra a información:
Papel
Documentación relacionada
Unidades de descrición relacionadas
Unidades de descrición relacionadas: Buscador de represaliados de la Guerra Civil Española Buscador combatentes
Unidades de descrición relacionadas: Innovation and Human Rights: la base de datos centralizada de víctimas de la Guerra Civil y el franquismo Buscador vítimas da Guerra Civil e o franquismo
É preciso sinalar que este fondo está en fase de organización.
Nota á área de identificación
As datas finais de acumulación veñen dadas pola serie de expedientes persoais de reclusos. Estes foron transferidos xunto cos presos á Prisión Provincial de Ourense unha vez que se procedeu ao peche da Prisión Central de Celanova, onde algúns reclusos seguirán cumprindo as súas condenas polo que os seus expedientes permanecerán abertos ata datas posteriores e, noutras ocasións, estas datas correspóndense con oficios solicitando información ou documentación para poder realizar distintos trámites ante a Administración.
Nota á área de contido e estrutura
Hai indicios de que a documentación sufriu un expurgo selectivo antes de ser abandonada no vello edificio da Prisión Provincial.
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia