Esta iniciativa xurdiu na Primeira Guerra Mundial, con tres obxectivos principais: como distracción para os soldados feridos, para exaltar o seu ánimo combatente mediante lecturas dirixidas e filtradas, e como actividade terapéutica que pretendía cicatrizar as feridas mentais que a guerra lles provocaba.
No caso de España, o Servizo de Lecturas para o Soldado foi impulsado por Miguel Artigas desde a Biblioteca da Universidade de Zaragoza durante a Guerra Civil.
En agosto de 1936 a Delegación de Prensa e Propaganda creou un Servizo de Bibliotecas Circulantes para Hospitais, e poucos días despois foi ampliado ás frontes. Estaba patrocinado por Carmen Polo, o que lle aseguraba o respaldo das autoridades. En agosto de 1937 o Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Museólogos asumiu a Lectura para o Soldado. Ata xaneiro de 1938 foi coordinado por Artigas desde a Biblioteca da Universidade de Zaragoza, pero desde esta data é substituído por Javier Lasso de la Vega.
O de Lugo funcionou a partir de outubro de 1936. A súa responsable foi a arquiveira da Delegación do Ministerio de Facenda Amalia Prieto Cantero.
Historia arquivística
Esta documentación debía de atoparse no local de traballo de Amalia Prieto Cantero, arquiveira da Delegación Provincial do Ministerio de Facenda, xa que foi transferida xunto coa propia documentación da Delegación, igual que outros conxuntos documentais como o da Xunta de Cultura Histórica e do Tesouro Artístico da Provincia de Lugo.