O Real decreto do 4 de agosto de 1836 crea as escolas normais; posteriormente, a lei Moyano de 1857 convérteas en centros de ensino profesional e establece dous graos de maxisterio para mestras: grao elemental, cun ano de estudo, e grao superior, con dous. En 1877 auméntase un ano de estudos para cada un dos graos e xeneralízanse as escolas normais femininas, dentro da construción e consolidación do novo sistema educativo que se pretendía impoñer, segundo as aspiracións ilustradas primeiro e liberais despois.
As escolas normais no século XIX atopábanse baixo a dirección do reitor da Universidade de Compostela, do Consello Universitario, dos inspectores provinciais, das xuntas provinciais e das xuntas locais de Instrución Pública. Proba da súa consolidación foi que en 1887 pasan a formar parte do orzamento do Estado.
De acordo con esa normativa, a Escola Normal Feminina da Coruña foi creada en 1865, aínda que non abriu as súas portas ata dous anos despois. Chegou a ter rango de escola normal superior en 1878. A súa situación inicial foi o número 3 da rúa Sinagoga, para trasladarse en 1886 á praza de María Pita. Máis tarde, na década de 1940, trasladouse ao actual Paseo de Ronda e no ano. A partir de 1901 as escolas normais, tanto as elementais como as superiores, incorpóranse aos institutos. En 1914 unifícanse os estudos e queda establecido o título único de maxisterio.