Médico e politico galego. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e instalouse como médico en Ribadeo. Militante do Partido Galeguista, foi concelleiro de Ribadeo. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e foi declarado en rebeldía. Integrouse no exército republicano en Asturias onde foi detido e estivo no cárcere de Xixón. Foi xulgado en consello de guerra en Oviedo en febreiro de 1939 e condenado a cadea perpetua. Estivo preso en Burgos, Palencia e finalmente na Prisión Central de Celanova, onde exerceu como médico e da que saíu en liberdade condicional en novembro de 1940. Cando saíu da prisión volveu exercer como médico en Ribadeo e despois en Castropol.