Decidido a mellorar a calidade de vida dos coruñeses, o concello encarga ao enxeñeiro de camiños Juan Manuel Fernández Yáñez a redacción dun proxecto de abastecemento que consistía na captación e transporte ata a cidade de 100 litros por segundo do río Barcés. As obras iniciáronse en 1893 e houbo que esperar a 1908 para que se inciase o servizo. Durante todo este proceso, non exento de dificultades, nace a Sociedad de Aguas de La Coruña, S.A.
Nos anos 60 ante os problemas derivados do baixo coste das tarifas, a falla de capacidade legal para acceder a subvencións do Estado, e o encarecemento do prezo dos materiais e da mano de obra obrigaron aos xestores da Sociedad de Aguas a ceder a nova concesión (a terceira) ao concello en 1967, mais o cambio á titularidade pública non se fará ata 1978 coa constitución da Empresa Municipal de Aguas de La Coruña (EMALCSA) cun consello de administración presidido desde entón polo alcalde da cidade.