A historia desta institución non pode entenderse separada da Igrexa de Compostela e dalgúns dos seus membros. Xa no século XII a actividade intelectual e escolar quedaba patente coa existencia da Escola de Gramáticos.
Coa bula de Sixto IV de 1 de decembro de 1474 daríanse os primeiros pasos para o establecemento do Estudo Xeral Compostelán, coñecido como Estudo Vello. O seu mecenas sería o notario Lope Gómez de Marzoa, que fundou e dotou cos seus bens dúas cátedras de Gramática. O Estudo Xeral instalarase en San Paio de Antealtares no ano 1494, onde permanecerá ata 1499, ano en que será ocupado polas monxas bieitas. No 1495, Marzoa pactará con frei Xoán de Melgar (abade de San Martiño Pinario) a cesión do edificio agás a igrexa, coa única condición de que os abades sucesores de Melgar fosen padroeiros do colexio. No 1501 reabrirase, aínda que por pouco tempo.
Deberemos agardar ate a bula de Xulio II de 1504, para que o estudio se convirta en Universidade. Se seguimos a García Oro, a data fundacional da Universidade foi o 4 de setembro de 1495 e a súa orixe legal comenzou o 17 de xullo de 1501. A orixe de tódalas Universidades europeas semella derivar, máis que dunha decisión real ou papal pola que adquiren a facultade de impartir grados, dun proceso similar ao que nos atinxe: un colexio inicial que se desenvolveu ata converterse no que hoxe coñecemos co termo Universidade desde que Fonseca solicitou ao papa Clemente VII que o integrase na súa obra.
Diego de Muros II, bispo de Canarias, e Diego de Muros III, deán da catedral de Santiago, desexando ampliar aquel estudo particular establecendo nel cátedras doutras facultades (especialmente da de Canons) acudiron en 1504 a Xulio II solicitando licenza para a súa fundación, que lles foi concedida, así como a exención da xurisdición ordinaria. Esta prerrogativa xurisdicional facíase extensiva ao propio estudo, doutores, mestres e estudantes. Igualmente facultábase aos expresados bispo e deán para facer estatutos. Permitía tamén a súa ramificación en cátedras e facultades, circunstancia que non se dará ata 1526 coa conclusión do Estudio Xeral por Alonso III de Fonseca e a súa fusión co de Santiago Alfeo (que fora fundado no 1522 e autorizado por Clemente VII no 1525).
No pontificado de Alonso III de Fonseca será, como apuntamos, cando a Universidade de Santiago e o chamado posteriormente Colexio Maior de Santiago Alfeo reciban un forte pulo: o primeiro documento que se refire á fundación do Colexio Maior é unha escritura de cesión ao Arcebispo por García Caamaño, veciño de Rubiáns, datada o 15 de marzo de 1522 na que este cedía certas rendas ao ter chegado ao seu coñecemento que Fonseca "quere facer e fai un colexio nesta cidade de Santiago para clerecía e outras persoas pobres" (documento custodiado na actualidade no Arquivo Histórico Universitario).
Inicialmente escolleuse para local o antigo Hospital da Acibechería, entón desocupado pola posta en funcionamento do novo Hospital Real. Para tal fin o Arcebispo solicitará autorización do cabido catedralicio para así transformar o Hospital en colexio dando unha nova aplicación ás súas rendas e bens. O cabido nomeará como primeiro rector ao cóengo Xaquín de Auñón, e igualmente se ocuparán o resto dos cargos directivos con prebendados da catedral. Nunha escritura de poder outorgada polo rector Auñón ao notario Alonso Brión para o arrendo dos froitos dos préstamos sincura anexados ao colexio polo arcebispo Fonseca, o citado rector intitúlase "rector do Colexio Hospital Vello do Señor Santiago sito [...] na rúa da Acibechería".
No 1526 Fonseca conseguirá do Papa, coa intermediación de Lope Sánchez de Ulloa -procurador nomeado ao efecto- a concesión dunha bula pola que se lle autoriza a edificación dun novo edificio ou a ampliación da antiga Casa de Estudo ou Estudo Vello que fundara Diego de Muros. Clemente VII concederá a citada bula o 15 de marzo. Nela queda claro que o Colexio fundado por Fonseca mantén a tradición escolar iniciada por Gómez de Marzoa e facúltase aos Arcebispos para establecer os estatutos e reformalos.
Fonseca, non conformándose con esto, no seu testamento outorgado o 3 de decembro de 1531 en Alcalá de Henares, estipulará un legado dun "quento de marabedís" para o remate e posta en funcionamento da obra; este legado ampliaríase no codicilo de 28 de xaneiro de 1534. Neste mesmo testamento apuntará as directrices básicas para o Colexio que logo serán tidas en conta na redacción das constitucións do mesmo. Igualmente designará por padroeiros perpetuos ao Arcebispo Xoán Tabera e ao seu propio sobriño e conde de Monterrei, Alonso de Acevedo e Zúñiga, e aos seus sucesores. Crea tamén a importante figura do Visitador que debía ser nomeado anualmente de entre os membros do cabido da catedral e executar a visita do xeito que Fonseca refire polo miúdo. Fonseca tamén xuntou nunha mesma persoa os cargos de Administrador e Rector, perseguindo confundir as rendas de Hospital Vello e Colexio.
No 4 de febreiro de 1542, Xoán Docampo, como procurador do novo colexio, tomará posesión do Estudo Vello creado por Diego de Muros na Rúa Nova, onde se ensinaba Gramática, expulsando ao catedrático Pedro de Vitoria, facendo efectivo o disposto na bula de Clemente VII.
No 1550 apareceron os xesuítas como serios aspirantes a controlar o Colexio: o Arcebispo de Compostela residía en Roma e era amigo de San Ignacio, polo que albergou a intención de que a Compañía de Xesús se fixese cargo do ensino. O propio santo elaborou uns principios para os futuros estatutos da Universidade de Santiago, mais as outras ordes relixiosas instaladas na cidade colaboraron a desbarallar este proxecto.
A visita do doutor Cuesta en 1555, ordeada polo rei Felipe II, marcará a separación efectiva da Universidade e do Colexio de Santiago Alfeo para equiparar á de Santiago con outras universidades como as de Alcalá ou Salamanca, motivo polo que se fixeron estatutos e constitucións. A Universidade sería a unidade xerárquica superior, persoalizada na figura do Claustro, e o Colexio Maior pasaría logo a ser unidade dependente desta; circunstancia que co devalar do tempo acarreará conflictos entre os colexiais e a Universidade polos seus anceios de equiparación cós universitarios. Na súa redacción debíase contar cós testamentarios do Arcebispo e os padroeiros; mais, uns morreran e outros estaban ausentes, polo que a elaboración pode considerarse como unha obra persoal do propio Visitador. Anulaba o doutor Cuesta as decisións adoptadas en outubro de 1553 polos testamentarios de Fonseca, ao que se engadía a sospeitosa perda do orixinal desas ordeanzas no Consello Real.
No 1588 Felipe II firmará uns novos estatutos froito da visita efectuada polo licenciado Pedro de Portocarrero (membro do Consello Real e Rexente da Audiencia do Reino de Galicia) que reformaban e alteraban os antigos do doutor Cuesta, así como os xurdidos da visita que fixera á Universidade por mandato do monarca o licenciado Pedro de Guevara.
No 17 de xaneiro de 1565 acadouse de Pío V a bula pola que se lle concedía a graza de Universidade Aprobada, confirmando os privilexios anteriores.
Na primeira das constitucións de 1588 Felipe II ordeaba que "na dita ciudad de Santiago e nas casas e colexio principal coa sua capela, patio e xerais teña que haber [...] Universidade e Claustro e escolas xerais donde se lean as catedras e leccións das ciencias e facultades ...". Establecía tres cátedras de artes -renovadas cada tres anos-, Lectura de Esfera e Matemáticas, dúas cátedras de Teoloxía -renovadas cada catro anos-, Lectura da Canonxía Maxistral (o executor había ser o Arcebispo "sen que o Claustro nin o Rector, nin os Consiliarios, nin o Visitador ordinario ou extraordinario se poida entrometer a tratar cousa algunha" -constitución 10ª-), dúas leccións e cátedras de Cánones -tamén cuadrienais-, unha lección de Decreto (en atención a que a canonxía lectoral de Cánones, por bulas de Xulio II en 1506 e Paulo III no 1539 a petición de Diego de Muros, tiña anexa unha lección de Decreto unida e incorporada no Estudo Vello e Universidade).
Os avatares que condicionaron o devir histórico da Universidade compostelán nos seus primeiros anos, vencellados á confusión inicial entre esta e o Colexio Maior (non resolta por Fonseca e complicada pola preexistencia do Estudo Vello creado por Diego de Muros) maniféstase nas constitucións de 1588: na 37ª, titulada "Que o Claustro saque por xustiza os foros mal feitos e a Facenda mal tomada", ordéase ao Claustro que se informe mediante testemuñas "do que din que está tomado á casa que antes se decía Hospital Vello e agora se nomea Colexio de San Xerome, e dos agravios que padece a dita casa polos veciños desa cidade que según fama lle teñen tomada moita parte dos seus bens, e o pidan ante os da Audiencia real ou ante quen lle conveña pedilo [...] e saiban asimesmo dos beneficios e da Facenda que pertence á Universidade, e Estudo Vello, e Hospital Vello, porque hai algúns beneficios na Bula de anexión que non se cobran pola Universidade [....], e asimesmo pidan que toda a outra Facenda se restitúa á dita Universidade polas persoas que a teñen usurpada".
No 1613 faranse unhas novas constitucións como consecuencia da relación que fixo o doutor Rodrigo Díaz de Andrade -catedrático de Artes da Universidade- e previa visita do licenciado Alonso Muñoz de Otálora -Alcalde Maior da Audiencia do Reino de Galicia- coa que se marcará a definitiva organización da Universidade de Santiago.
No 1636 seguíuse preito ante o Consello de Castela para que a Universidade pagase os alimentos ao Colexio Maior.
No 1654 reiterouse por real cédula a esixencia do pago de alimentos ao Colexio Maior pola Universidade, recordada novamente por outra real cédula ao ano seguinte.
No 1655, por real cédula, decidíuse a favor do Colexio Maior un preito criminal que este seguía contra a Universidade.
O seguinte fito lexislativo que afectou á evolución da Universidade foron as providencias reais de 1751 froito da iniciativa do Claustro de Compostela, que levaron aparellada unha modernización das facultades e dos estudos (o real proxecto de Fernando VI). No 1772 houbo un novo plan que profundizou nestes aspectos.
O 19 de agosto de 1769, por real cédula de Carlos III, trasladouse a Universidade ao Colexio dos Xesuítas.
O 26 de agosto de 1776 comunicouse por real despacho ao Rector e Claustro o aumento a 4000 ducados dos alimentos correspondentes ao Colexio Maior.
Real cédula de 12 de abril de 1777 para a reforma dos seis colexios maiores de Castela.
Real orde do 17 de xuño de 1778 mandando novamente pagar os 4000 ducados ao Colexio Maior e que igualmente a Universidade se fixera cargo dos arranxos no edificio colexial, así como que se cubrisen as bolsas vacantes.
Auto do Consello de Castela de 2 de xullo de 1778 para que a Universidade faga efectivos os 4000 ducados que adebedaba ao Colexio Maior, e que o propio Colexio exhibira as contas de inversión, a aprobación de dotacións, etc.
Hai unha orde do Consello de Castela do 7 de setembro de 1782 comisionando ao Rector da Universidade para que, arranxado á orde de 17 de xuño de 1778, sacase a concurso as bolsas do Colexio Maior. O rector, en lugar das 20 bolsas vacantes, sacou só 14, nomeando posteriormente o Consello outras 5.
Por real despacho de 24 de marzo de 1786, comisionouse a Nicolás de Neira, cóengo, en sustitución do defunto rector Páramo para que remate o traballo por el comenzado.
Tamén debe citarse o auto de 5 de maio de 1786 polo que o Comisionado entregou ao Colexio Maior as alfaias e demais bens retidos, en espera de que a Universidade fixera efectiva a débeda para a manutención.
E o real decreto de 5 de xullo de 1807, polo que se reduce o número das Universidades dos Reinos agregando as suprimidas ás que quedaron operativas, debendo executarse nelas o plan de estudos aprobado para a de Salamanca (real cédula de 12 de xullo de 1807).
Hai outro real decreto, de 1 de febreiro de 1815, polo que se crea unha xunta de ministros para a formación dun Plan Xeral de Estudos para Universidades e Escolas Públicas. Debido aos acontecementos de 1820 este plan non se levou a efecto.
Hai outra real orde de 14 de setembro de 1818, revocando e anulando o Plan de Estudos de 1807, respecto á Universidade de Santiago, debendo arranxarse esta ao plan de 1771.
Circular do Consello de Castela de 27 de outubro de 1818, comunicando a derogación do plan de estudos de 1807 e mandando se observase en tódalas Universidades o de 1771.
Nos últimos anos do reinado de Fernando VII terá lugar o paulatino control do ensino por parte dos gobernos liberais, e así a Universidade perderá a súa autonomía organizativa, de goberno e, finalmente, a económica.
Real decreto de 24 de setembro de 1823, polo que, entrementres non se forma un Plan Xeral para o Arranxo das Universidades e Seminarios, o ensino continúe o disposto na circular do Consello de Castela de 27 de outubro de 1818.
Real decreto de 13 de febreiro de 1824 restablecendo a xunta creada no 1815 para a redacción do Plan Xeral de Estudos para Universidades e Colexios frustrado no 1820.
Real cédula de 21 de xullo de 1824 pola que se fixan as regras que deben observarse para o ensino nas universidades e máis establecementos literarios, así como para o abono ou inadmisión dos grados e cursos gañados no tempo do denominado goberno revolucionario.
Orde do Consello real de 28 de agosto de 1824 pola que se nomea ao arcebispo membro da xunta de purificación de catedráticos de mais individuos das universidades e establecementos literarios conforme ao artigo 2º da real cédula de 21 de xullo dese mesmo ano.
Real cédula de 14 de outubro de 1824 pola que se aproba o "Plan Literario de Estudios, e Arranxo Xeral das Universidades do Reino". Para a formación deste plan o monarca, co ánimo de acelerar os traballos para a súa pronta posta en vigor ante a premura do inicio do novo curso, nomeara o 31 de xullo unha comisión especial de ministros xubilados e outros varóns.
Real orde do Ministerio de Facenda de 1839 para a centralización de fondos (visita do establecemento).
Real orde de 18 de abril de 1839 (a Universidade nomea unha comisión para a remisión das fundacións e máis datos solicitados pola Dirección de Estudos por orde de 18 de decembro de 1838) .
Orde da Dirección de Estudios de 18 de setembro de 1839, na que se manda enmendar os informes enviados en cumprimento da orde do 18 de abril e cumprir as prestacións da Universidade para co Colexio Maior.
Con Isabel II as leis máis destacadas serán: a Reforma Pidal de 1845 e o Plan Moyano de 1857. Coartáronse así as singularidades autonómicas, tendéndose á centralización e á uniformidade en tódolos eidos.
Real decreto de 19 de xullo de 1867 para o arranxo do ensino superior nas universidades, según o que se suprimen varios importantes estudos na de Santiago: desaparecen as facultades de Filosofía e Letras, e a de Ciencias ata o grado de bacharel; suprimíase tamén a de Teoloxía e reducíase a de Mediciña á carreira de facultativos de segunda clase.
Real orde de 20 de outubro de 1885 sobre a validez da provisión de bolsas.
Real orde do 19 de novemrbo de 1885 pola que se dispón, interin non se averigüe polo rector Páramo se os 4000 ducados eras suficientes para soster a todos os dependentes do Colexio, que só se provean as 14 bolsas iniciais.
Documentación relacionada
Existencia e localización de copias
Existencia de copias: No existen copias
Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Xunta de Galicia