Diego Hidalgo e Durán (Los Santos de Maimona, 1886 – Madrid, 1961), foi un intelectual e político español, que foi nomeado ministro da Guerra durante a Segunda República (1931-1939).
Naceu en Los Santos de Maimona (Badaxoz) en 1886, nunha familia de ascendencia aristocrática, aínda que de escasos recursos. Licenciouse en Dereito. En 1918 trasladouse a Madrid, como membro do Partido Republicano Radical e foi elixido deputado a Cortes pola circunscrición de Badaxoz nas eleccións de 1931 e 1933. O 11 de febreiro de 1933 participou na fundación da Asociación de Amigos da Unión Soviética.
Foi o primeiro membro do Partido Republicano Radical que ocupou a carteira de ministro da Guerra de España. Ante as reivindicacións da Unión Militar Española esforzouse por acougar os ánimos. Neste contexto cabe mencionar que ascendeu ao xeneral Francisco Franco a xeneral de división.
Desde agosto de 1932 os socialistas tentaron atraerse o apoio das clases de tropa para os seus fins revolucionarios, motivo de alarma para o ministro radical, quen decretou o 19 de xullo a prohibición de toda actividade política para o persoal militar.
Como titular da devandita carteira foi o encargado de sufocar a insurrección asturiana de outubro de 1934, para o que contou co xeneral Franco como asesor persoal.
En sesión parlamentaria os días 7 e 8 de novembro sufriu o ataque dos monárquicos pola imprevisión ante o intento de outubro, Hidalgo foi forzado a dimitir xunto con Ricardo Samper, os ministros máis criticados.
Ao estalar a Guerra Civil e tras moitas peripecias, conseguiu salvar a súa vida refuxiándose en París onde permaneceu ata o final da guerra, tras a cal volveu a España.
Durante o seu exilio francés, casa con Gerda Schnur, unha intelectual alemá de orixe xudía. Regresa a Madrid, onde teñen un fillo, Diego Hidalgo Schnur.