A instauración da Lei Provisional sobre Organización do Poder Xudicial do 15 de setembro de 1870 supuxo unha modernización do sistema xudicial e sentou os principios esenciais para a implantación dos tribunais colexiados no sistema procesual penal. Con todo, a reforma do procedemento penal non se fixo efectiva ata a promulgación do Real Decreto do 14 de setembro de 1882, polo que se aproba a Lei de Axuizamento Criminal. Esta disposición determinou, xunto coa Lei do 22 de xuño de 1882 e a Lei Adicional á Orgánica do Poder Xudicial do 14 de outubro de 1882, a creación das audiencias do criminal e as salas do criminal nas audiencias territoriais, ao mesmo tempo que establecía unha maior protección aos acusados, amplas garantías procesuais, a separación da instrución do procedemento e o veredicto da causa e, por último, a constitución dun xuízo oral e público ante tribunais colexiados.
O artigo 1º da Lei Adicional á Orgánica do Poder Xudicial do 14 de outubro de 1882 establece a Audiencia do Criminal de Mondoñedo cuxa xurisdición se exerce nos partidos xudiciais de Mondoñedo, Ribadeo, Vilalba e Viveiro para coñecer en única instancia en xuízo oral as causas por delitos. Compoñerase dun presidente, un fiscal, dous maxistrados, un tenente fiscal e un secretario.
Posteriormente o Real decreto do 11 de novembro de 1882 establece que as novas audiencias comezarán a súa actividade o 2 de xaneiro de 1883.
En 1892 son suprimidas as audiencias do criminal que non estean situadas en capitais de provincia conforme ao artigo 35 da Lei do 30 de xuño que fixa os gastos e ingresos do Estado para o ano económico de 1892-1893.
O Real Decreto do 16 de xullo de 1892 recalca a supresión das corenta e seis audiencias do criminal non situadas na capital provincial e denomina ás restantes como audiencias provinciais, que asumen as funcións dos tribunais suprimidos. Ao mesmo tempo, establece que as audiencias do criminal non situadas nas capitais de provincia cesarán nas súas funcións o 26 de xullo de 1892.