Xefatura Provincial de Obras Públicas da Coruña (España). (1905 -)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1905
2.2 Historia/Descripción:
Desde a primeira creación do Ministerio de Fomento, en 1832, ata 1931, en que se crea o Ministerio de Obras Públicas, as competencias en materia de estradas e camiños estarán adscritas aos ministerios do Interior (1834), da Gobernación (1835), de Comercio, Instrución e Obras Públicas (1847), outra vez de Fomento (1851), de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas (1900) e novamente Fomento (1905). Durante este período, os subdelegados de Fomento, primeiro, gobernadores de provincia e gobernadores civís, exercerán estas competencias no nivel territorial. No seo dos gobernos civís, créanse en 1857 as seccións de Fomento, que acadarán unha progresiva autonomía.
En 1905, establécense as xefaturas provinciais de estradas, pasando a denominarse xefaturas de obras públicas en 1931 e novamente xefaturas provinciais de estradas en 1966. Neste mesmo ano créanse as delegacións provinciais do Ministerio de Obras Públicas, que exercían unha representación de carácter xeral (Estradas, Transportes, Augas e Costas) en cada unha das provincias e que tiñan ao seu cargo os servizos de Información, Prensa e Relacións Públicas, e as xefaturas rexionais de estradas, como órganos intermedios entre a Dirección Xeral e as xefaturas provinciais encargados da coordinación entre as diversas xefaturas.
Á súa fronte estará un enxeñeiro xefe rexional que asumirá as competencias de inspección que tiñan atribuídas as inspeccións xerais do Servizo de Estradas a partir do ano 1958. En total, créanse oito xefaturas rexionais con sedes en Madrid, Oviedo (na que se inclúe Galicia), Bilbao, Zaragoza, Barcelona, Valencia, Málaga e Sevilla.
En 1986 reestrutúranse os servizos provinciais e rexionais do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo e créanse as demarcacións de Estradas do Estado para a realización das funcións non afectadas polo proceso de transferencias ás comunidades autónomas. Dado que as funcións que desempeñan son de ámbito supraprovincial, estarán encadradas organicamente nas delegacións do Goberno respectivas, sen prexuízo de que as unidades propias de cada provincia poidan estar encadradas nos diferentes gobernos civís (agora subdelegacións do goberno) e da dependencia funcional do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo (agora Fomento). Entre as funcións das xefaturas provinciais achábanse as de estudo, planificación e programación dos traballos por desenvolver: proxectos, construción, conservación e explotación das estradas do seu ámbito territorial.