Xefatura Provincial de Sanidade da Coruña (España). (1939 - 1977)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1939 - 1977
2.2 Historia/Descripción:
A Sanidade Provincial está formada por catro institución que se suceden ao longo dos anos. Así, atopamos no primeiro lugar a Inspección Provincial de Sanidade, creada xa en 1903, e que é substituída no 1939 pola Xefatura Provincial de Sanidade. Ambas encádranse a nivel central no Ministerio da Gobernación.
Un cambio importante prodúcese coa creación do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social no ano 1977, xa que ademais dun cambio de denominación da institución provincial (Delegación Territorial do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social ), hai un aumento de atribucións: asume tamén a Seguridade Social.
O segundo cambio importante vén dado polo establecemento do Estado das autonomías coas leis de traspaso de competencias á Xunta de Galicia de 1980. No eido da sanidade o Estado conserva case exclusivamente a función de Sanidade Exterior, desenvolvida a nivel provincial pola Dirección Provincial do Ministerio, que agora se denomina de Sanidade e Consumo.
As inspeccións, antecesoras das xefaturas, aparecen por primeira vez coa Instrución xeral de Sanidade Pública do 12 de xaneiro de 1904, que establece un inspector de Sanidade en cada provincia. A Lei de coordinación sanitaria de 1934 establece un organismo administrativo en cada provincia: a Mancomunidade de Municipios da Provincia, baixo a dirección técnica do inspector provincial. A Inspección Provincial de Sanidade é o órgano coordinador de todas as actividades sanitarias desenvolvidas nas provincias e correspóndelle a dirección dos institutos provinciais de Hixiene, nos que quedan refundidas todas as actividades de carácter técnico: o Decreto do 31 de xullo de 1931 reorganiza os Institutos Provinciais de Hixiene.
A Xefatura Provincial de Sanidade, como institución que encadra os servizos provinciais de sanidade, aparece fugazmente no ano 1935: nalgúns decretos recibe esta denominación a Inspección Provincial. Con todo, a súa creación definitiva concrétase na Orde do 30 de setembro de 1939, do Ministerio da Gobernación, de reorganización das xefaturas provinciais de Sanidade, antes inspeccións provinciais.
No tocante á sanidade exterior, temos unha organización paralela, dado que non se incorpora á estrutura provincial da sanidade interior ata a creación das xefaturas provinciais. A Orde do 30 de setembro de 1939, que crea as xefaturas provinciais, reorganiza tamén as súas seccións (Sección Técnica e Sección Administrativa) e inclúe dentro da Sección Técnica a Sanidade Exterior; os directores de estacións sanitarias pasan a depender da Xefatura Provincial de Sanidade. A estrutura anterior ten importancia xa que a xefatura é herdeira das funcións e da documentación da Inspección de Sanidade e das direccións de sanidade dos portos. Os órganos para a execución da función técnico-sanitaria son os institutos provinciais de Sanidade, antes denominados institutos provinciais de Hixiene, baixo a dirección do xefe provincial de Sanidade. A organización dada por esta Orde ás xefaturas mantense practicamente sen cambios ata a súa desaparición, no ano 1977, coa creación das delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social (Real decreto 1918/1977, do 29 de xullo).
A Lei de bases para a organización da Sanidade do 25 de novembro de 1944 non cambia o esquema: os servizos sanitarios provinciais estarán a cargo da organización sostida pola Dirección Xeral de Sanidade (as xefaturas), as deputacións provinciais e as mancomunidades sanitarias. Mantense o principio da xefatura única en cada provincia, insistindo en que a sanidade é única e que ningunha das súas actividades pode ser desarticulada. Sen prexuízo das atribucións dos gobernadores civís (representantes do Goberno en cada provincia), os xefes provinciais de Sanidade actuarán como delegados permanentes da Dirección Xeral de Sanidade, vixiarán o cumprimento das disposicións de carácter sanitario e ordenarán todos os servizos sanitarios da súa xurisdición. Os institutos provinciais de Sanidade seguen a exercer a función técnico-sanitaria nas provincias baixo a dirección do xefe provincial de Sanidade.
En cada provincia haberá unha Mancomunidade Sanitaria de Municipios coa finalidade principal de pagar aos funcionarios sanitarios que non perciban os seus haberes polo presuposto xeral do Estado, ademais de soster os institutos provinciais de Sanidade.
Nas normas reguladoras posteriores, de organización ou reorganización dos servizos a nivel central, o cambio máis significativo neste período vén dado polo Decreto 2149/1967, do 19 de agosto, que suprime as mancomunidades sanitarias de municipios e os institutos provinciais de Sanidade. As funcións das mancomunidades serán realizadas directamente polos concellos, mentres que as dos institutos serán asumidas polas xefaturas; en ambos os casos, o seu patrimonio pasará a ser propiedade do Estado e quedará adscrito ao Ministerio da Gobernación.
A creación do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social (Decreto 1558/1977, do 4 de xullo) non supón a desaparición automática das xefaturas, pois o Real decreto 2109/1977 do 11 de xullo establece que as xefaturas provinciais de Sanidade seguirán exercendo, con carácter transitorio, as funcións e competencias atribuídas ata o momento. Desaparecen definitivamente coa creación das delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social, co Real decreto 1918/1977 do 29 de xullo, sobre reestruturación do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social.
Os seus órganos de actuación de ámbito provincial reestrutúranse co Real Decreto 211/1978 do 10 de febreiro. O Ministerio de Sanidade e Seguridade Social aglutina as funcións e competencias da anterior Dirección Xeral de Sanidade e as do Ministerio de Traballo en todo o referente á Seguridade Social.
A Orde do 29 de xuño de 1978 desenvolve a estrutura das delegacións territoriais do Ministerio de Sanidade e Seguridade Social. Estarán baixo a dependencia directa do delegado as correspondentes unidades administrativas de Inspección da Seguridade Social e de Inspección de Sanidade e Saúde, ambas con nivel orgánico de sección.
O Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, de traspaso de competencias sobre traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, transfire á Xunta de Galicia as competencias da Administración do Estado en materia de Sanidade. Isto supón un corte, por tanto, na evolución da sanidade provincial: a meirande parte das funcións sanitarias pasan a depender da Xunta de Galicia, mentres que en mans do Estado queda case exclusivamente a sanidade exterior.
Como consecuencia dos traspasos de competencias ás comunidades autónomas, a Administración periférica do Estado ten que adaptarse á nova configuración territorial. Así, o Real decreto 1801/81, do 24 de xullo, de reforma da Administración periférica do Estado, supón no eido que nos interesa a aparición das direccións provinciais departamentais. Na reforma contémplase que a Administración periférica está integrada polas delegacións xerais do Goberno no territorio das comunidades autónomas e polos gobernos civís. Dentro dos gobernos civís atopamos as direccións provinciais, que —aínda que baixo a autoridade do gobernador— dependen orgánica e funcionalmente dos respectivos ministerios, e agrupan os servizos periféricos de ámbito provincial.
A organización da Administración periférica complétase co Real decreto 3321/1981, do 29 de decembro, de adaptación da estrutura periférica de ámbito provincial do Ministerio de Sanidade e Consumo ao Real decreto 1801 /1981, do 24 de xullo. Integra as dependencias periféricas de ámbito provincial do Ministerio de Sanidade e Consumo nunha Dirección. A supresión desta institución vén dada polo Real decreto 1223/1983, do 4 de maio, de medidas de reorganización das direccións provinciais departamentais. É consecuencia da necesaria adaptación da administración periférica do Estado ao proceso de transferencias de competencias ás comunidades autónomas. Segundo esta norma legal, as funcións e servizos periféricos non afectados polas transferencias serán desenvolvidos polas unidades correspondentes das direccións provinciais suprimidas, que quedarán adscritas aos respectivos gobernos civís, dos que dependerán organicamente, aínda que mantendo unha dependencia funcional respecto do ministerio respectivo. Segundo o que dispón este Real decreto, a Dirección Provincial de Sanidade e Consumo da Coruña queda suprimida polo Real decreto 2825/1983, do 19 de outubro .