Os principais fitos históricos dos estudos de náutica na Coruña son:
1) As orixes remotas da Escola de Náutica e Máquina encóntranse na cátedra "Gramática y Estudios del Mar" creada en 1549.
2) En 1621 é creada na Coruña un “Colegio de Pilotaje y Marinería” co nome de “Seminario de Muchachos del Mar”.
3) En 1785 autorízase o establecemento do “Consulado del Mar” na Coruña, coa obrigación de crear unha “Escuela de Pilotaje y Marinería”. Así no 29 de agosto de 1788 a “Junta de Comercio” crea a “Escuela de Navegación”, refundíndoa co “Seminario de Muchachos del Mar”.
4) Na primeira metade do século XIX a “Escuela de Navegación” pasa a denominarse “Real Academia de Navegación”. En 1850 a Academia pasa a depender da Universidade de Santiago de Compostela.
5) En 1851 son fusionados os estudos de Náutica e os de Comercio; e en 1861 son incorporados ao “Instituto de Segunda Enseñanza”. En 1869 son suprimidos estes estudos, mais en 1870 son de novo restablecidos dentro do “Instituto de Segunda Enseñanza”.
6) O Decreto de 16 de setembro de 1913 restableceu o ensino da náutica na Coruña cun centro propio e especializado coa creación do Instituto de Náutica. É neste momento cando comeza a produción dos documentos deste fondo documental.
7) O Decreto de 28 de maio de 1915 reorganizou de forma importante os estudos de náutica, en cuxo plano de estudos, xunto ao ensino conducente á obtención do título de Piloto, establécese, por primeira vez, o ensino conducente á obtención do título de Maquinista Naval. Pasa entón o centro a denominarse “Escuela de Náutica”.
8) A Escola de Náutica da Coruña foi suprimida por Decreto Lei de xuño 1924.
9) A Lei de 27 de decembre de 1947 crea a "Escuela Oficial de Náutica y Máquinas" da Coruña. Inicialmente a escola é instalada no edificio del Instituto na Praza de Pontevedra, pasando no ano 1948 a compartir edificio coa Escola de Maxisterio, situada na rúa “Herrerías”, na Cidade Vella. No día 16 de setembro de 1956 foi inaugurado o actual edificio.
10) A “Ley 144/1961, de 23 de decembre, sobre Reorganización de las Enseñanzas Náuticas y de Pesca”, troca de novo a denominación do centro, pasándose a chamar “Escuela Oficial de Náutica”; e cualifica os estudos como “Enseñanzas de Grado Medio”.
11) O “Decreto 1439/75 de 26 de junio, sobre Calificación de las enseñanzas de la carrera de Náutica”, establece que a “Enseñanza Náutica Superior” terá o nivel que corresponde ao segundo ciclo do ensino universitario.
12) O Real Decreto 2841/1980, de 4 de decembro, establece que as Escolas Oficiais de Náutica, dependentes do “Ministerio de Transportes y Comunicaciones,” pasen a ser chamadas ”Escuelas Superiores de la Marina Civil”, ao tempo que son reorganizados os seus estudos.
13) O Real Decreto 1522/1988 integra o ensino superior da mariña civil na universidade e o Real Decreto 1460/1989 traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia as funciones e servizos do Estado sobre este ensino.
14) A Escola Superior da Mariña Civil é integrada na Universidade da Coruña por medio do Decreto 8/1990, de 31 de xullo, da Xunta de Galicia. É neste momento cando termina a produción dos documentos deste fondo documental.
15) O Decreto 235/2004, de 23 de setembro mudou de novo o nome do centro, pasando a denominarse Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas.
Historia archivística
Este fondo documental permaneceu na propia Escola ata que foi transferido ao Centro de Documentación e Arquivo da Universidade da Coruña en 2016.
O traslado físico da documentación da Escola ao CEDAR produciuse en maio de 2016. Desde maio ata agosto a documentación limpouse, clasificouse e ordenouse, sendo instalada en caixas de arquivo definitivo no Depósito 1 do CEDAR. Igualmente, realizouse a descrición completa da documentación transferida. Finalmente, a transferencia foi asinada no día 4 de agosto de 2016.
Alcance e conteúdo
Contén parte da documentación producida e recibida pola Escola de Náutica e Máquinas da Coruña entre 1913, data en que foi creado o Instituto de Náutica, e 1990 momento en que o centro se integra na Universidade da Coruña.
De entre toda a documentación deste fondo salienta a da serie Expedientes persoais de Alumnos, que é, con diferenza, a que máis volume posúe (156 caixas sobre un total de 300) e a que maior período cronolóxico abarca (1913-1963). A documentación de todas as outras series documentais é posterior á reabertura da escola en 1947.
Convén ter presente, que parte da documentación do fondo permanece na propia escola por necesidades administrativas.