O arcebispo Miguel Payá y Rico promoverá as obras de construción dun hospital psiquiátrico entre 1882 e 1885. O 1 de xuño de 1885 inaugúrase o Manicomio de Conxo, como obra pía do cabido da catedral de Santiago de Compostela.
O Real decreto de 19 de maio de 1885 ditando normas para a admisión de dementes en establecementos de beneficencia (Gaceta de Madrid núm. 141, do 21 de maio), recoñece a imposibilidade de que o Estado se faga cargo de todos os hospitais de dementes, e establece dúas categorías de hospitalización de “dementes”:
1. De observación.
2· De reclusión definitiva.
Os primeiros non poderían ser admitidos nos establecementos de beneficencia xeral pero si nos provinciais, municipais e particulares.
As deputacións provinciais e os concellos procurarían habilitar locais para “recluír” os dementes en observación onde poidan permanecer ata que se lles conduza a un manicomio en clase de reclusos permanentes. Nos establecementos particulares a admisión suxeitaríase ao que determinasen os regulamentos especiais que prevía o Real decreto.
A crecente demanda asistencial leva aos propietarios do hospital a pensar xa en 1889, na constitución dun padroado que dea entrada a accionistas cos que afrontar unha ampliación do centro: así Timoteo Sánchez Freire, director médico do establecemento, o banqueiro santiagués Olimpio Pérez Fernández, José García Mouriño, un emigrado retornado cliente de Olimpio Pérez e Juana Blanco Navarrete, viúva de Simeón García de la Riva, en representación do Banco Viúda de Simeón e Hijos pasarán a formar parte do Padroado e, polo tanto da Xunta de Goberno do hospital.
No ano 1891 asínanse acordos para que as catro deputacións galegas e a de León podan enviar a Conxo dementes pobres ao seu cargo. Con todo, correspondía ao Goberno exercer o protectorado sobre a beneficencia particular, como establece a Instrución aprobada polo Real decreto de 14 de marzo de 1899, a proposta do Ministro da Gobernación. Corresponde así ao ministro da Gobernación o exercicio deste protectorado, que desenvolverá por si, pola dirección xeral correspondente e polos gobernadores de provincia. Serán auxiliares do protectorado as xuntas e administradores provinciais e municipais, as xuntas de padróns e os delegados do ramo.
No ano 1969, o Hospital foi adquirido pola Deputación Provincial da Coruña. Finalmente, en 1993, tanto o Hospital Psiquiátrico de Conxo como o que fora Hospital Provincial foron transferidos ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) mediante o Decreto 373/1992, de 17 de decembro.