As Audiencias Provinciais en España teñen a súa orixe na revolución de 1868 e na Constitución do ano seguinte, momento histórico no que se consagrou de forma definitiva a necesidade de separar a xustiza civil da xustiza penal. Os lexisladores da época entenderon que para cumprir con este compromiso debía haber un tribunal colexiado en cada partido xudicial. Así o definiron na Lei Orgánica do Poder Xudicial de 1870. Pero a falta de orzamento fixo imposible a súa creación ata 1882, cando se promulgou a Lei de Axuizamento Criminal. É neste intre cando nacen as Audiencias do Criminal propiamente ditas.
Dez anos máis tarde, un Real Decreto estableceu que só tería que haber unha Audiencia do Criminal por provincia. Con posterioridade, o Real Decreto do 29 de agosto de 1983 converteu as Salas do Criminal das Audiencias Territoriais en Audiencias Provinciais e estendeu o seu ámbito de competencias sobre os Xulgados de Instrución e os Xulgados de Paz. No ano 1968 as Audiencias Provinciais tiveron ademais competencias en materia civil.
Na época franquista as audiencias provinciais adoptaron novas funcións por mor da promulgación da lei do 19 de febreiro de 1942 de Responsabilidades Políticas pola que pasaron a asumir as funcións que ata ese momento estaban asignadas aos Tribunais Rexionais de Responsabilidades Políticas, o axuizamento dos feitos e a execución dos fallos.
A partir deste intre e ata a publicación do Decreto do 13 de abril de 1945, polo que se suprime a xurisdición de Responsabilidades Políticas, serán as audiencias provincias as encargadas de distribuír as causas relativas a responsabilidades políticas entre os distintos xulgados de primeira instancia e instrución.