Político e xornalista galego. Emigrou mozo e retornou definitivamente a Carballeda de Valdeorras en 1934 instalandose en Sobradelo. Militou en Izquierda Republicana e foi presidente do Comité Municipal de Izquierda Republicana de Carballeda de Valdeorras. Logo da vitoria da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936, foi nomeado alcalde de Carballeda de Valdeorras.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido en xaneiro de 1937 e xulgado en consello de guerra en Ourense o 12 de marzo de 1937 na causa 96/1937 acusado de rebelión militar sendo condenado a prisión perpetua. Foille conmutada a pena pola de 15 anos de reclusión e concedéronlle a liberdade condicional en 1941.
Foi correspondente de La Región en Carballeda de Valdeorras dende 1961, onde publicou crónicas baixo o epígrafe "A través de la vida" asinadas como Anta Espino. Pasou os seus últimos anos na residencia de Valdegodos. Finou no Hospital de Valdeorras en abril de 1991.