Delegación Provincial da Sección Feminina da Coruña (España, 1934-1977)
2. Área de descripción
2.2 Historia/Descripción:
A Sección Femenina foi fundada no 1934 dentro de Falange Española y de las JONS.
Antes da Guerra Civil tivo a misión de atención a presos políticos e ás súas familias e de recadar fondos para facer propaganda e distribuíla por España. Como o resto de organizacións de Falanxe, é a partir do Decreto de unificación cando legalmente pasa a formar parte do aparato do Estado. Nos Estatutos de FET e de las JONS de 1937 aparece xa configurada como Delegación Nacional.
No 1939 defínense a súa estrutura e funcións e adscríbeselle o servizo social da muller. En xeral, será competente en todo o relacionado coa formación e educación da muller. Organízase xerarquicamente mediante as figuras das delegadas e secretarias, nos eidos nacional, provincial e local.
O Decreto 2485/1970, do 21 de agosto, define a estrutura en nove departamentos: Secretaría, Coordinación, Promoción, Participación, Formación e Participación da Xuventude, Departamento Económico Administrativo, Gabinete Técnico, Relacións Exteriores e Servizo Social, ademais das Xuventudes da Sección Feminina.
Os últimos grandes cambios veñen coa reorganización do Movemento no 1970. A Delegación Nacional queda encargada da formación, promoción e integración política e social da muller española (Decreto 15/1970, do 5 de xaneiro). As delegacións provinciais exercen esta mesma función no ámbito da súa competencia territorial (Decreto 2485/1970, do 21 de agosto). A Sección Feminina, así como os demais órganos do Movemento Nacional, desaparece mediante o Decreto lei 23/77, do 1 de abril de 1977. Entre as actividades máis destacadas están as cátedras ambulantes, os centros de formación e os grupos de coros e danzas, cun importante papel na recuperación do folclore tradicional.