Tribunal Especial para a represión da Masonería e o Comunismo (España). (1940 - 1963)
2. Área de descripción
2.1 Fechas de existencia:
1940 - 1963
2.2 Historia/Descripción:
O Tribunal Especial contra a Represión da Masonería e Comunismo foi unha das 25 xurisdicións especiais que implantou o réxime franquista ao longo da súa existencia. Esta xurisdición debe encadrarse xunto ás de Responsabilidades Políticas e a militar, dentro das de carácter político que se destinaron especificamente á persecución do inimigo. O 1 de marzo de 1940 Francisco Franco asinaba a lei para a Represión da Masonería e o Comunismo na que se establecía esta nova xurisdición. O primeiro artigo da lei é suficientemente ilustrativo do extraordinario alcance punitivo que se outorgaba á súa aplicación xa que practicamente calquera conduta heterodoxa podería caer no ámbito dunha política represiva: "Constitúe figura de delito, castigado conforme ás disposicións da presente Lei, o pertencer á masonería, ao comunismo e ás demais asociacións clandestinas". As penas ían desde a incautación de bens ata a reclusión maior. Os masón, á parte das sancións económicas, quedaban automaticamente separados de calquera emprego ou cargo de carácter público. Establecéronse penas de vinte a trinta anos de prisión para os graos superiores, e de doce a vinte para os cooperadores.
O Tribunal Especial a pesar de estar constituído en xuño de 1940 non comezou a funcionar ata o 1 de abril de 1941.
O tribunal despois de examinar todos os documentos que chegaban ao seu poder acordaba por regra xeral a tramitación do sumario. Os xuíces instrutores encargábanse da apertura do procedemento e do seu trámite. Inicialmente dotouse á xurisdición de dous xuíces instrutores especiais que se desprazaban desde as súas oficinas de Madrid a todas as provincias, engadíndose a finais de 1941 un terceiro.
Aos encartados citábaselles nun xulgado designado para o efecto onde se lles notificaba a apertura de causa e informábaselles do seu próximo chamamento a xuízo. O sumario era o resultado de envorcar toda a información previa procedente de expedientes escritos pola Delegación de Asuntos Especiais, a Delegación de Estado para a Recuperación de Documentos, delacións, servizos de información provinciais da falanxe, delegacións de orde pública, a Comisaria Xeral Político- Social da Dirección Xeral de Seguridade, o Arquivo Masónico da Comisaría Xeral de Información e a Sección de Masonería do Servizo Nacional de Seguridade.
O tribunal estivo en funcionamento ata que foi suprimido pola lei 154/1963 do 2 de decembro, no contexto da creación do Tribunal de Orde Pública como a nova ferramenta xurisdicional para combater a unha oposición social, política e sindical mellor vertebrada. A Comisión Liquidadora que se encargou de rematar xuridicamente as súas tarefas mantívose en funcionamento ata 1971.