Esta iniciativa xurdiu na Primeira Guerra Mundial, con tres obxectivos principais: como distracción para os soldados feridos, para exaltar o seu ánimo combatente mediante lecturas dirixidas e filtradas, e como actividade terapéutica que pretendía cicatrizar as feridas mentais que a guerra lles provocaba.
No caso de España, o Servizo de Lecturas para o Soldado foi impulsado por Miguel Artigas desde a Biblioteca da Universidade de Zaragoza durante a Guerra Civil.
En agosto de 1936 a Delegación de Prensa e Propaganda creou un Servizo de Bibliotecas Circulantes para Hospitais, e poucos días despois foi ampliado ás frontes. Estaba patrocinado por Carmen Polo, o que lle aseguraba o respaldo das autoridades. En agosto de 1937 o Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Museólogos asumiu a Lectura para o Soldado. Ata xaneiro de 1938 foi coordinado por Artigas desde a Biblioteca da Universidade de Zaragoza, pero desde esta data é substituído por Javier Lasso de la Vega.
O de Lugo funcionou a partir de outubro de 1936. A súa responsable foi a arquiveira da Delegación do Ministerio de Facenda Amalia Prieto Cantero.