Os Padroados Provinciais para o Fomento das Bibliotecas, Arquivos e Museos Arqueolóxicos foron creados polo decreto do Ministerio de Educación Nacional de 13/10/1938. Están integrados por un Presidente, o gobernador civil, un vicepresidente primeiro, o presidente da Deputación Provincial, un vicepresidente segundo, o alcalde da capital de provincia, e once vocais nomeados polo ministerio, entre eles tres funcionarios, se o permite a plantilla, do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e museólogos, un dos cales ostentará o cargo de secretario do Padroado. As súas funcións establécense na Orde do ministerio de 19/10/1938 e teñen que ver con todo o relativo a este campo no ámbito provincial, destacando en especial o artigo 1a que lles encomenda "Intervenir en las adquisiciones enajenaciones y actos de gestión de bienes muebles e inmuebles de los Establecimientos, las de los libros, documentos u objetos arqueológicos [...]
O obxecto da súa creación é "lograr un rendimiento más eficaz en los servicios encomendados al Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Museólogos" entre os que destacan a depuración de bibliotecas públicas e escolares, nun primeiro momento a cargo das Comisións Depuradoras de Bibliotecas creadas pola Orde da Comisión de Cultura e Ensino de 16/09/1937 nos distritos universitarios (completada e modificada pola Orde do Ministerio de Eduación Nacional de 17/08/1938) e a xestión e conservación das bibliotecas incautadas ou embargadas a persoas ou agrupacións que formaran parte da Fronte Popular, regulada na Orde da Vicepresidencia do Goberno de 10/06/1938